O 1 de xullo, na Asociación de Empresarios do Tambre
Mesa redonda sobre mecenado na investigación universitaria
Na mesa redonda “O mecenado na investigación universitaria” participarán os presidentes do Consello Social das Universidades de Santiago e Vigo –Cecilia Sierra e Ernesto Pedrosa–, o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC –Gumersindo Feijoo–, a profesora de Dereito Financeiro e Tributario da USC –Luz Ruibal– e o catedrático de Microbioloxía da USC –Jesús L. Romalde–. Moderada polo xornalista Manolo Fraga, a mesa celebrarase na sede social do Tambre o 1 de xullo, a partir das 19 horas, con aforo limitado pola situación epidémica, pero poderá seguirse tamén por Internet a través da páxina www.alumniusc.gal .
A presidenta de Alumni USC, Benita Silva, subliña a importancia de establecer canles eficientes de comunicación e transferencia entre universitarios: “Alianzas e cooperación práctica impóñense entre os mundos académico e de alta especialización e os ámbitos económico e empresarial. Organizacións como Alumni deben estar aí, en primeira liña de apoio, creando ferramentas como un portal de emprego que poremos a disposición dos egresados o vindeiro curso, ou actividades de relación como esta mesa. É unha primeira experiencia que desexamos que nos leve a fixar un marco estable de colaboración entre as dúas entidades, Alumni e Tambre”.
Ramón Lois, secretario dos empresarios do Tambre, respalda a idea de Alumni e amósase convencido de que os empresarios contribuirán coas súas achegas a desenvolver a investigación na USC, obxecto da mesa redonda. “É esencial que se acerquen e se coñezan mellor as institucións chamadas a liderar a transformación e os cambios no mundo de hoxe. Son alianzas imprescindibles para favorecer o desenvolvemento industrial de Santiago e Galicia”, destaca.
Os relatores exporán as súas ideas en relación coa importancia do mecenado e o micromecenado actualmente. No debate darase a coñecer o programa implementado pola USC, particularmente para captar fondos contra a covid-19, así como os propios proxectos e programas de investigación en marcha no seo da USC.