A cuarta edición da campaña repartirá 16.200 euros en tarxetas de compra
Máis de 100 asociacións colaboran en "Días Azuis do Comercio Galego"
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou en Santiago na presentación da nova edición dos "Días Azuis do Comercio Galego", campaña que quere pór en valor o importante papel económico e social do sector comercio no actual contexto económico.
Tal e como se sinalou na presentación, na que tamén participaron o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; e o director de Red Comercial de Abanca, Gabriel González Eiroa; a que é xa a cuarta edición dos Días Azuis do Comercio Galego contará coa colaboración dos establecementos de máis de 100 asociacións e centros comerciais abertos de toda Galicia, así como das federacións provinciais de comercio.
Durante as datas de duración da campaña, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas prepago de 300 e de 150 euros. Para participar hai que rexistrar a compra na páxina da campaña, Días Azuis, solicitar ao comerciante que faga o rexistro.
Na presentación da campaña, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, suliñou a necesidade de iniciativas que “agora máis ca nunca, conciencien ao consumidor da necesidade de apostar polo comercio de proximidade, realizar campañas que incentiven o consumo e recuperar a confianza do consumidor amosándolle que os nosos establecementos son seguros”. Tamén destacou a necesidade da innovación e a dixitalización do sector e marcou coma reto superar os preto de 109.000 tickets de compra rexistrados na edición de outubro de 2019.
Pola súa banda, o director de Red Comercial de Abanca, Gabriel González Eiroa, salientou a necesidade de “sumar forzas entre todos para impulsar a
reactivación do pequeno comercio e os negocios galegos”. Indicou que desde o inicio da pandemia, Abanca ten en marcha distintas medidas de apoio para o sector, encadradas no Plan Anticipar. “Son opcións financeiras coas que queremos anticiparnos ás necesidades que poidan ter os nosos comercios, pensando tamén na protección da saúde e fomentando a operativa a distancia e a dixitalización”, apuntou.