A 11ª edición do galardón
Limpezas Salgado recolle o Premio á Excelencia Empresarial do Club Financiero de Santiago
O director xeral de Limpezas Salgado, Ramón Salgado, recolleu este luns o XI Premio á Excelencia Empresarial outorgado polo Club Financiero de Santiago, co que esta entidade recoñece a traxectoria emnpresarial da compañía santiaguesa.
O acto celebrouse no Hotel Monumento San Francisco e reuniu numerosas autoridades políticas, empresariais e sociais, entre elas, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartin.
O presidente do Club Financiero de Santiago, Roberto Pereira, salientou na súa intervención “a madurez dun premio que recoñece a traxectoria empresarial dun dos nosos accionistas, destacando de xeito especial un conxunto de virtudes, que van dende a súa calidade humana, pasando polo impacto económico na nosa comunidade, acadando a excelencia empresarial, como reza o nome do galardón”. Así mesmo amosouse orgulloso “de chegar á undécima edición deste premio, que se converte nunha referencia para o mundo empresarial”.
Pereira explicou que este ano o premio recae en Limpezas Salgado “para recoñecer a traxectoria dunha empresa líder no seu sector, sendo ademais un exemplo de crecemento continuado, ambicioso pero con criterio”.
O presidente do Club Finaciero de Santiago foi o encargado de explicar algún dos méritos polos que Limpezas Salgado recibe este premio: “Trátase dunha empresa familiar con máis de tres décadas de historia, que nos últimos anos medrou dun xeito considerable ata contar cun cadro de persoal que supera as 600 persoas, 600 homes e mulleres adicados a unha tarefa importante e fundamental, os coidados”.
Tamén se refiriu Pereira a Ramón Salgado, director da compañía e un dos responsables principais desta exitosa evolución: “A altura dun empresario non se ve só nos datos de facturación ou no número de empregados, vese, sobre todo, nas respostas que a empresa pode dar á sociedade. E Limpezas Salgado é un exemplo disto xa que está atendendo novas demandas e facéndoo con dilixencia, rapidez e profesionalidade”. Roberto Pereira quixo destacar o papel da empresa homenaxeada nos momentos da pandemia, “cando se converteron nos garantes dunha protección que necesitábamos como sociedade, case nunha promesa daquela seguridade coa que non contábamos naqueles intres. As persoas que forman a empresa, o seu capital máis preciado, estiveron aí para darnos esa tranquilidade. E fixérono con xenerosidade e valentía”, afirmou Pereira.
O director xeral da empresa galardoada, pola súa banda, explicou que “nós na nosa empresa non nos xogamos a vida en aventuras extremas, pero podo dicir que estou moi orgulloso do equipazo de boas persoas que forman parte de Limpezas Salgado”. “Compartimos uns valores que se basean en dúas R maiúsculas e unha S: unha é a R do respeto, aos traballadores, aoas clientes, aos proveedores, á empresa; e a outra R é a da responsabilidade. A S é a da seriedade no cumprimento dos compromisos e no desempeño no día a día”, afirmou Ramón Salgado.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou o compromiso social, a capacidade de adaptación e o traballo constante da directiva de Limpezas Salgado que é a compañía galardoada nesta edición pola súa excelencia.
En canto á rexedora compostelá, Goretti Sanmartín, fixo unha mención especial á implicación de Limpezas Salgado no apartado que comunmente se denomina “responsabilidade social corporativa”, chamando a atención sobre aspectos como o patrocinio deportivo, o uso continuado do galego que lle valeu para obter o Premio Manuel Beiras na última edición ou a inclusión laboral de persoas con diversidade funcional, ao contribuir activamente a camiñar cara a unha sociedade máis igualitaria e máis xusta, "que é un dos grandes ideais polos que traballamos desde diferentes eidos".
"Esta cita é unha das imprescindíbeis para visibilizar referentes no camiño da excelencia empresarial", indicou. "Sabemos que non é doado acadar esta excelencia, mais exemplos como o de Limpezas Salgado amósannos que non se trata dunha idealización nin dunha utopía, pois compatibilizar a rendibilidade económica, ambiental e social é posible e, por iso, é de xustiza recoñecer e agradecer a altura de miras e o compromiso que implican", explicou. Así, felicitou a Limpezas Salgado por esta traxectoria e ao Club Financeiro de Santiago por esta labor de recoñecemento e visibilización das iniciativas que se sitúan na vangarda da excelencia.
Galardoados nas anteriores edicións
Limpezas Salgado foi elixido unanimemente polo xurado, formado polos membros do consello de administración do Club Financiero de Santiago, como premiada no XI Premio á Excelencia Empresarial. O galardón homenaxeou en pasadas edicións ao fundador de Jealsa, Jesús Alonso; ao mandatario do Grupo Pérez Rumbao, Emilio Pérez Nieto; ao responsable de Egasa, José González Fuentes; ao presidente honorífico de Urovesa, José Sierra; ao director xeral de Congalsa, Luis Miguel Simarro; ao presidente de honor de Castrosua, José Castro Suárez; ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; a El Correo Gallego, onde recolleron o galardón José Manuel Rey Nóvoa e Alberto Tajes Rey, a Juan Abarca, presidente de HM Hospitales, e a Pablo Junceda, director xeral adxunto de Sabadell Gallego.
O Club Financeiro de Santiago naceu no 2010 co propósito de velar polos intereses do empresariado compostelá e galego. Na actualidade é unha organización consolidada e sustentada por máis dun centenar de accionistas. Traballa diariamente para ser un referente, un lugar de encontro e unha voz crítica.
O Premio á Excelencia Empresarial consolídase como un referente para recoñecer as boas prácticas corporativas das entidades que conforman o tecido empresarial galego e da cidade, moitas das cales forman parte do accionariado da organización empresarial compostelá.