Polo uso da lingua galega no mundo empresarial
Leite Noso, Construcións Alvite González e Evaristo Rodríguez Carracedo, Premios Manuel Beiras
As empresas Leite Noso e Construcións Alvite González e o que fora vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago Evaristo Rodríguez Carracedo foron premiadas na 19ª edición dos Premios Manuel Beiras
O galardón que conceden cada ano o Concello de Santiago e a Cámara de Comercio recoñece o uso do galego no mundo empresarial.
A empresa Leite Noso recibiu o Premio Manuel Beiras na categoría de nova incorporación ao galego. A distinción está relacionada coa marca comercial "Deleite", a primeira etiquetada integramente en galego e que, tal e como salienta o xurado, "coloca o noso idioma na mesa de milleiros de fogares cada día". "Deleite" demostra que o galego "é o vehículo idóneo para presentar o principal produto do noso sector agrogandeiro e para asocialo á riqueza do patrimonio e ao dinamismo da cultura máis actual".
Na categoría de empresas cun uso continuado do galego, o galardón foi para Construcións Alvite González, "por apostar por unha comunicación coidada, coherente e respectuosa coa nosa lingua, facéndoa visible nun ámbito de actividade económica onde habitualmente se agocha para os usos formalizados.
Por último, oa distinción especial do Premio Manuel Beiras concedeuse a Evaristo Rodríguez Carracedo, avogado compostelán que "como vicepresidente da Cámara de Comercio, foi un dos piares sobre os que se crearon estes galardóns e cuxo impulso e apoio foi fundamental para que superasen a maioría de idade". Segundo o xurado, Rodríguez Carracedo "foi a voz da conciencia lingüística que cada ano lembrou a importancia do compromiso empresarial coa lingua e a necesidade de converter en feitos as palabras de apoio".
Os galardoados recibiron unha distinción consistente nunha escultura creada polo artista Acisclo Manzano. Poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste premio como unha garantía máis de que respectan o idioma galego.
O xurado dos Premios Manuel Beiras estivo formado polo alcalde, Martiño Noriega; Xavier Freire, en representación da Cámara de Comercio; Beatriz Corral, en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística; Miguel López Crespo, en representación da Unión de Consumidores de Galicia; Belén Regueira no nome do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; María Traveso, no nome da Mesa pola Normalización Lingüística, e os representantes das empresas premiadas na pasada edición dos galardóns.