Ás 12 horas, na Casa Grande de Viloira

A iniciativa Camiño de Futuro fai parada o luns no Barco de Valdeorras

Camiño de Futuro, a iniciativa da Axencia Galega de Innovación para difundir os instrumentos de apoio que están a disposición das empresas galegas para aumentar a súa competitividade e crecemento, fará parada o próximo luns 14 de marzo na localidade ourensá do Barco de Valdeorras.
A iniciativa Camiño de Futuro fai parada o luns no Barco de Valdeorras
Parada de Camiño do Futuro en Bóveda (Lugo).
Parada de Camiño do Futuro en Bóveda (Lugo).

Tras o seu paso por varias localidades de Lugo ao longo desta semana, O Barco de Valdeorras acollerá, o luns 14 ás 12 horas, a primeira das paradas do Camiño de Futuro na provincia de Ourense. Trátase dun evento que a Xunta dará a coñecer o mapa de apoios para 2022 destinados a empresas e autónomos, congregando para iso ao representantes dos organismos que nos que recaen a maioría das axudas destinadas ao tecido empresarial e produtivo.

Así, representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain), de Agader, da Axencia Galega da Industria Forestal e dos Grupos de Desenvolvemento Rural explicarán todas as posibilidades para as empresas da contorna de acceder a apoios vinculados coa innovación, o emprendemento, a dixitalización, internacionalización, sustentabilidade, produtos e procesos agrícolas e sectores como apicultura, silvicultura, etc, e mesmo actividades non agrarias no rural. Un completo abano de apoios e axudas para o sector empresarial que os organismos responsables explicarán nun acto na Casa Grande de Viloira.

Este Camiño de Futuro, iniciativa da Xunta de Galicia que dá continuidade a Camiño da Innovación, ten como obxectivo, ademais de dar a coñecer os apoios da administración, promover a súa utilización para fomentar a modernización do tecido produtivo, mellorar a súa competitividade e facilitar o seu crecemento, así como impulsar a innovación, internacionalización e sustentabilidade entre as máis afastadas dos núcleos urbanos.

Axenda do acto no Barco

No Barco, a Casa Grande de Viloira, acollerá a partir das 12 as intervencións de distintos responsables de entidades provinciais e galegas e contará coa experiencia innovadora de éxito das empresas Samaca, Regalsa facility service e Meraki Cakes & Food S.L. Están confirmados máis de medio centenar de xerentes de empresas e autónomos e autónomas, así como representantes de colectivos empresariais como a asociación anfitrioa, Aeva, o Clúster da Pizarra, Acoval, e outras entidades da contorna.

Tras a parada en Valdeorras, Camiño de Futuro terá continuidade en Allariz o mércores 16, e finalizará o seu paso pola provincia de Ourense en Beade o seguinte luns, 21 de marzo.

En total, haberá 14 encontros de networking que se celebrarán durante os meses de marzo e abril por toda a xeografía galega co obxectivo de difundir os instrumentos de apoio que están a disposición das empresas galegas para aumentar a súa competitividade e crecemento.

A iniciativa Camiño de Futuro fai parada o luns no Barco de Valdeorras