Sinatura dun convenio de colaboración
Os III Encontros do Clúster de Turismo de Galicia, centrados nos retos do sector no horizonte 2020
A Deputación de Ourense e o Clúster de Turismo de Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración para desenvolver en Ourense, o próximo día 27, os III Encontros Clúster Turismo de Galicia.
Esta xornada profesional, que se celebra baixo o título “#Estrategia2020. Consolidando un destino turístico sostenible”, ten por obxectivo analizar os retos e oportunidades que se lle presentan a este sector no horizonte 2020. O encontro, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde o Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación, contará coa participación de expertos de máximo nivel como Fernando Cuestas, responsable de Amadeus España, empresa internacional de intermediación no sector viaxes e líder en solucións tecnolóxicas e comercialización de servizos turísticos ou do ex-xogador e directivo de baloncesto e actualmente vicepresidente da NBA Europa, África e Oriente Medio, Fernando Bueno.
Tamén estarán presentes a secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asián, así como a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entre outras autoridades.
Asemade, a xornada incluirá mesas redondas que xirarán sobre a enogastronomía, o termalismo ou os eventos culturais e deportivos como xeradores de novas oportunidades para o sector turístico galego, sen esquecer o peso das novas tecnoloxías ou a irrupción do turismo colaborativo como tendencias de futuro e retos aos que o sector debe enfrontarse para ser competitivo. Mesas redondas nas que participarán responsables de entidades e empresas como o Basque Culinary Center, Airbnb, Unipublic, IBM, Pangea, Globaldit ou Nextel.
A participación na xornada, impulsada pola Deputación de Ourense e o Clúster Turismo de Galicia, é gratuíta previa inscrición ata completar aforo e o prazo para inscribirse xa está aberto.
Na sinatura do convenio participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González. Baltar apuntou que o encontro "congregará en Ourense a 300 empresarios do sector que contribuirán a divulgar as oportunidades da nosa provincia no ámbito turístico e no que tamén, teremos a oportunidade de poñer en valor a elaboración do primeiro Plan de Turismo Cultural e Creativo, que aprobou a Deputación, e que será unha realidade durante este ano, para actuar como unha folla de ruta para colocar o turismo como eixo estratéxico de desenvolvemento, aproveitando que no ano 2019 Ourense será a entrada da Alta Velocidade". Pola súa banda, González amosou a súa satisfacción por poder continuar desenvolvendo estes encontros a modo de foros de debate “que nos permitan intercambiar experiencias, profundizar nos cambios que sofre este sector e coñecer ferramentas que nos axuden a adaptarnos ás novas demandas do mercado, favorecendo sempre o networking e o intercambio de ideas”.