Os orzamentos para 2023 rondarán os tres millóns de euros
A Fundación Semana Verde de Galicia remata 2022 con cifras récord en varias feiras e incremento de facturación na central agropecuaria
Presidida pola secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Elena Muñoz, en calidade de vicepresidenta do Padroado da Fundación Semana Verde de Galicia, a xuntanza serviu para facer o balance provisional deste ano e presentar os orzamentos para 2023.
A previsión é que neste exercicio as contas queden practicamente equilibradas, tras a celebración de 21 eventos (sete procesos selectivos e 14 ferias e certames) cos que se foi recuperando a normalidade despois da pandemia. Unha das novidades deste 2022 no calendario do recinto feiral de Silleda foi o novo certame de seguridade, defensa e emerxencias Sedexpo, que tivo moi boa acollida, e rexistráronse varias feiras con cifras récord.
Así, os salóns de alimentación e turismo da Feira Internacional Abanca Semana Verde acadaron os seus mellores resultados en expositores e superficie. Pola súa banda, a sexta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca converteuse na maior celebrada ata o momento en todos os seus parámetros, cun 26% máis de expositores, unha superficie un 16% maior e un 27% máis de visitantes, ademais de ser a máis internacional tanto na exposición como na procedencia dos visitantes.
Central agropecuaria
Neste exercicio destacan tamén as cifras da Central agropecuaria de Galicia Abanca, que, a falta de dúas sesións para pechar o ano, acadou xa unha facturación de case 32,4 millóns de euros, un 52,31% máis que na mesma semana de 2021 e un 76,8% máis que na de 2019.
A maiores, na reunión analizouse o orzamento previsto para 2023 da Fundación, o cal será de novo de case tres millóns de euros, co obxectivo de manter a liña positiva lograda en 2022 tras o parón da pandemia e tendo en conta a incerteza económica que se prevé para os vindeiros meses.