O obxectivo é coñecer as propostas dos distintos axentes presentes na comarca para o futuro do territorio da denominación

A Fundación Juana de Vega celebra un novo encontro na DO Rías Baixas

A Fundación Juana de Vega continúa na Denominación de Orixe Rías Baixas co proceso de participación no marco da “Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia”.

A Fundación Juana de Vega celebra un novo encontro na DO Rías Baixas
ENCONTRO DO RÍAS BAIXAS
Reunión da Fundación Juana de Vega na DO RÍAS BAIXAS

A “Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia”, froito dun convenio entre a Fundación Juana de Vega, Agader, a Axencia Turismo de Galicia e o Igape, ten por obxectivo mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, reforzar a súa imaxe de marca vinculada cos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia da promoción e comercialización dos produtos turísticos vinculados ao enoturismo e a enogastronomía.

O proceso de participación iniciouse na DO Rías Baixas no mes de decembro, cando se recolleron os principais problemas e retos do territorio nos eidos de produción, industria e comercialización, turismo e enoturismo, patrimonio cultural e paisaxístico. Nesta segunda fase, o encontro tivo un carácter máis propositivo recollendo as achegas dos distintos axentes e as medidas concretas a incluír na estratexia para poder reforzar aqueles aspectos positivos ou solucionar aquelas problemáticas identificadas no encontro inicial.

O encontro propositivo tivo lugar no Pazo de Mugartegui en Pontevedra e nela participaron diversas organizacións e institucións cuxo ámbito de actuación coincide prioritariamente co territorio da DO, tanto relacionadas directamente co sector vitivinícola, como do sector turístico, das administracións públicas e doutros axentes do territorio: viticultores, adegas, Consello Regulador, rutas do viño, empresas de turismo, hostaleiros, concellos, Grupos de Desenvolvemento Rural, entre outros.

No encontro presentáronse os principais eixos cos que se está a traballar na elaboración da estratexia: viticultura e produción de uva, industrias e tipos de viños elaborados, comercialización e mercados, organización da cadea do viño e funcionamento da DO, turismo e enoturismo, patrimonio natural, cultural e paisaxe.

A este encontro en Pontevedra, precedeulle o que tivo lugar en Valdeorras, a semana pasada e seguiranlle outros tres similares nos outros territorios vitivinícolas que existen en Galicia, en Monterrei o 24 de marzo, na Ribeira Sacra o 26 de marzo, no Ribeiro, o 1 de abril, e coas IXPs o 16 de abril.

Alcance do sector vitivinícola

O sector vitivinícola converteuse nun dos sectores máis dinámicos do rural galego, aglutinando nas súas cinco Denominacións de Orixe, a máis de 13.000 viticultores, unhas 450 adegas e un valor económico de máis de 200 millóns de euros. O viño é por tanto un importante dinamizador nas comarcas de Galicia que están ligadas a estas Denominacións de Orixe, creando fortes vínculos entre agricultura, patrimonio, paisaxe, gastronomía, cultura e turismo.

A Fundación Juana de Vega celebra un novo encontro na DO Rías Baixas