O xoves 14 e o venres 15 de marzo, en Arzúa

A Fundación Juana de Vega achégase ás tendencias en agromárketing

A Fundación Juana de Vega, no marco das axudas da Rede Eusumo para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, está a organizar xornadas de divulgación de aspectos relacionados co emprendemento innovador no sector agroalimentario, poñendo o foco nas entidades de economía social.
A Fundación Juana de Vega achégase ás tendencias en agromárketing
Xornadas sobre tendencias en agromárketing organizadas pola Fundación Juana de Vega.
Xornadas sobre tendencias en agromárketing organizadas pola Fundación Juana de Vega.

A segunda das catro xornadas previstas para 2024 terá lugar en colaboración coa EFA Piñeiral Centro de Formación Profesional de Arzúa, os días 14 e 15 de marzo. Nesta ocasión, a temática elixida é a importancia de aplicar técnicas e accións estratéxicas de comunicación e de márketing para potenciar e mellorar as vendas dos produtos agroalimentarios. Durante dous días, os asistentes debatirán sobre como traballar a presentación e identidade do produto como eixo vertebrador da estratexia de comunicación e venda.

A xornada conta cunha primeira parte de divulgación do emprendemento en economía social no sector agroalimentario e charlas sobre aspectos innovadores de mellora da competitividade das empresas agroalimentarias, así como cunha mesa redonda con entidades sociais do sector agraolimentario que aplican a innovación de produto nos seus plans de negocio. O segundo día, as xornadas cerraranse coa visita a unha entidade de economía social da contorna.

As xornadas da Fundación Juana de Vega teñen como finalidade contribuír ao desenvolvemento da cultura do emprendemento e das habilidades innovadoras no sector de produción e transformación de alimentos con modelos produtivos baseados na economía social que xeren no só impacto económico no medio senón tamén un impacto social e ambiental positivo no territorio.

Trátase tamén de mellorar a competitividade das empresas agroalimentarias a través de varios obxectivos: coñecer os elementos máis relevantes dunha estratexia de comunicación e de márketing; así coma coñecer as novas tendencias de comunicación, deseño, presentación e márketing online e offline dos produtos agroalimentarios. Asemade, as xornadas axudarán a crear sinerxías entre os centros educativos colaboradores e as empresas agroalimentarias da zona, así como entre o alumnado dos centros e o ecosistema empresarial da comarca.


Destinatarios

As xornadas, que contan con 10 prazas dispoñibles, están dirixdas a produtores primarios locais que poden incrementar a rendibilidade da súa explotación con novas ideas de negocio vinculadas a pequenas transformacións a escala artesanal e produtos alimentarios de calidade, así como a propietarios ou traballadores de pemes agroalimentarias interesados en abordar novos desenvolvementos innovadores, e ao propio alumnado das escolas participantes, que poden ser futuras persoas emprendedoras, ben como remuda das explotacións familiares ou como traballadores das entidades do sector agroalimentario.

As inscricións realízanse desde a web da Fundación Juana de Vega.

A Fundación Juana de Vega achégase ás tendencias en agromárketing