Videoconferencias diarias entre o 20 de xullo e o 6 de agosto
O Foro PontEmprende regresa en formato webinar
O Foro PontEmprende convértese así nun espazo de encontro virtual entre emprendedores e expertos formadores e profesionais experimentados en diversas áreas do emprendemento, coa fin de dar unha base firme para entender a dimensión dos cambios que se produxeron e potenciar unha actitude de reacción inmediata para favorecer ao comercio local e ás pequenas empresas. Este programa de relanzamento empresarial está impulsado polo Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco.
Os relatores veñen de áreas tan diversas como o marketing dixital, o neuromarketing e intelixencia comercial, a intelixencia emocional, as finanzas, a asesoría de empresas ou a formación, tocando temas de moita actualidade para os emprendedores e comerciantes, coa fin de achandarlle o camiño que teñen agora por diante e axudar a facer os seus negocios mais competitivos e viables.
PontEmprende vaise desenvolver desde o luns 20 de xullo ata o xoves 6 de agosto con vídeoconferencias diarias (de luns a venres), en horario de 15:30 a 16:30 horas. Incluirá charlas de Manuel Conde, Fernando Salinero, Jaime Barreiro, Silvia Guinarwet, David Iglesias, Pepe Cabello, Josué Gadea, Carmen Lafuente, Roberto Pérez Marijuán, Eduardo Méndez, Diego Palomares, Mª Carmen Fuentes e Javier Rivas.
As persoas que non poidan asistir nas datas e horarios previstos, terán a oportunidade de ver estes webinars en diferido, dado que se gravarán e se publicarán na plataforma E-ponte, que está actualmente en proceso de construción. Os relatorios que se ofrecen son totalmente gratuítos para autónomos, pemes e futuros emprendedores pero é preciso inscrición previa.