Xornada sobre comercialización e marketing intelixente
O Foro pola Economía Social Galega destaca a súa contribución á creación de riqueza e emprego na Comunidade
A economía social suma en Galicia 7.000 empresas, emprega a 320.000 persoas e representa un 10% do PIB. Son datos que achegou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, durante un acto celebrado en Santiago polo Foro pola Economía Social Galega.
Francisco Conde, que participou na clausura do networking sobre comercio dixital organizado polo Foro pola Economía Social Galega, puxo en valor a economía social e os valores que promove para acadar un sistema produtivo máis solidario, máis xusto e máis sustentable.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que, por iso, a Xunta está ao carón da economía social, salientando que o Goberno galego aumentou este ano nun 6,4% os orzamentos destinados a este ámbito, outorgando, ademais, un 35% máis de axudas ás entidades asociativas da economía social con respecto a 2017. Así mesmo, indicou que nestes momentos o orzamento destinado a este sector está practicamente activado.
Entre as medidas que se están a poñer en marcha neste eido, avanzou que a próxima semana publicaranse no Diario Oficial de Galicia as axudas do programa de laboratorios cooperativos no rural. Esta medida, destacou Conde, conta con 500.000 euros de orzamento para o desenvolvemento de 15 novas cooperativas ou sociedades laborais.
Por último, o conselleiro afirmou que a Xunta seguirá avanzando noutras iniciativas "e unha das prioridades do Goberno galego é agora dar luz verde, co consenso do sector, á Estratexia galega da economía social coa que se pretende sumar capacidades, sustentabilidade, identidade e compromiso".
Previamente, o portavoz do Foro pola Economía Social Galega, Célso Gándara, referíase a esta futura Estratexia coma "unha oportunidade para que os proxectos socio-empresarias das nosas empresas se consoliden". Gándara salientou o feito de que "que as nosas empresas pertenzan o foro significa coñecernos e recoñecernos que de formas as veces distintas contribuímos a crear riqueza na Galicia rural e na Galicia urbana, que distribuímos riqueza, que cohesionamos o territorio, que apostamos pola igualdade de oportunidades de mulleres e homes, que contribuímos a xeración de emprego e de forma singular o das persoas con discapacidade e persoas en situación de exclusión".
Nesto senso, recoñeceu que pertencer o foro "significa tamén ceder unha parte da nosa soberanía en beneficio dos intereses conxuntos, en definitiva en beneficio do interés xeral".
Celso Gándara Foro dixo que o Foro de Economía Social terá éxito "se logramos un equilibrio no tempo entre o que damos e o que recibimos, tanto as entidades representativas como as propias empresas asociadas. Se damos xenerosidade recibiremos xeneroxidade, se damos coñecemento, recibiremos coñecemento, se damos oportunidades, recibiremos oportunidades e se damos confianza recibiremos confianza".
O evento colectivo, celebrado en Santiago trala celebración das asambleas xerais de cada unha das organizacións, consistiu nunha xornada de traballo sobre comercialización e marketing intelixente. “Como aplicar Internet á estratexia e á internacionalización da empresa” foi o título da exposición, a cargo de Dori López Nieves, actual responsable de Desenvolvemento do Negocio en Amvos Digital e que durante anos colaborou dando clases na Escola de Organización Industrial asesorando aos empresarios no mundo do negocio online.
Posteriormente, tivo lugar un xantar e un "meeting" no que participaron os representantes de Agaca, Cegasal, EspazoCoop e Aeiga.
O Foro en cifras
O Foro pola Economía Social Galega, presentouse o pasado marzo en Santiago de Compostela. Está constituído pola Unión de Cooperativas de Galicia (EspazoCoop), a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga). Estas entidades representan a 371 empresas, cun volume de ingresos de 1.916 millóns de euros anuais en su conxunto e 9.300 empregos directos.