Xornada ‘Impulsando o desenvolvemento económico de Ferrolterra’
Ferrol debe aproveitar o seu emprazamento marítimo estratéxico
A apertura estivo a cargo de Carlos Moreira, vicepresidente da AEF e de Valentín González Formoso, presidente da Deputación de A Coruña, entidade colaboradora no evento. González Formoso destacou o potencial de Ferrolterra, "unha comarca que non só fai barcos e que conta con todos os elementos para ter un futuro apaixoante desde o punto de vista laboral e da recuperación demográfica".
O presidente da Deputación da Coruña fixo referencia ás potencialidades de Ferrolterra, que “conta con infraestruturas portuarias punteiras e que debe aproveitar a súa ubicación porque, aínda que desde o punto de vista peninsular estamos no extrarradio, desde o punto de vista mundial temos un emprazamento estratéxico para ser primeira forza en chegada de materias primas, estando situados nunha das principais rutas marítimas do mundo”.. Doutra banda, Valentín González citou o transporte ferroviario como "a gran asignatura pendente"
En canto ao solo industrial, o presidente da Deputación coruñesa salientou que en Ferrolterra hai “unha oferta considerable” e citou exemplos como o de Narón” que conta cun polígono de preto de tres millóns de metros cadrados, o polígono que comparten Fene e Cabanas en Vilar do Colo con preto dun millón de metros cadrados e en As Pontes hai dous millóns e medio de metros cadrados entre as súas áreas industriais”. Aínda así “non chega e temos que reclamar á Xunta que faga política industrial en canto a solo. As grandes apostas de solo industrial están feitas polo Ministerio, polo SEPES, e necesitamos que o Instituto Galego da Vivenda e o Solo considere en que localidades da comarca hai necesidade de solo industrial para facilitala”.
Por último, González Formoso fixo unha chamada a “falar en positivo, medrar e intentar poñer o mellor de nós mesmos a prol desa capacidade produtiva da comarca, que a hai e que é moitísima, en todos os ámbitos”.
O doutor en Ciencias Económicas e Catedrático de Economía Aplicada, Fernando González Laxe, repasou os principais problemas cos que se atopa actualmente a empresa: coste da enerxía, a falta de subministros, a incerteza das políticas fiscais, e a necesidade de contar con infraestruturas ferroviarias para o movemento das mercancías. Destacou o porto de Ferrol como o segundo con mellor conectividade, despois de Vigo. A carencia dunha imaxe de marca, a necesidade de contar un pacto industrial, crear en Ferrol un Clúster de Defensa, exencións fiscais e favorecer a especialización das áreas portuarias, foron outras das ideas expostas.
Xestión dos fondos Next Generation
O presidente do Consello Galego de Economistas, Miguel Ángel Vázquez Taín, matizou as oportunidades que os fondos Next Generatión ofrecerán para Ferrolterra, especialmente en proxectos relacionados coa transición enerxética, a transformación dixital e a economía circular.
O doutor en Ciencias Económicas e Enxeñeiro Técnico Naval, Ramón Yañez Brage, destacou a importancia de realizar unha axeitada xestión dos fondos, aprendendo das experiencias anteriores vividas en Ferrolterra. O transvase dos fondos deber ser o axeitado para que cheguen ás pequenas empresas. Deseñar una nova relación entre Navantía e as industrias auxiliares foi outra das súas propostas. A diagnose de por onde pasa o futuro de Ferrolterra está feita, é preciso liderala, contar coa responsabilidade dos diferentes axentes sensibilizados e comprometidos cos cambios que se precisan, apuntou o experto.
A clausura da xornada estivo a cargo do presidente da AEF, Ángel Torreiro Freire, que agradeceu as achegas dos relatores. Para rematar, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, fixo referencia aos principais retos aos que se enfronta Ferrolterra: modernización das infraestruturas, Clúster de Defensa, consolidar o sector eólico, contar cunha industria naval forte.