V Reunión Casal de Armán
Expertos propoñen un cambio na gobernanza do medio rural
Con todo a lista de carencias nunha xestión coherente do rural en comparación ao urbano é extensa. A primeira é a derivada dunha organización da gobernanza multinivel desconectada e ineficiente. A superposición administrativa de políticas públicas, normativas, incentivos, etc provoca unha xestión ineficiente. De aí a primeira recomendación dos expertos reunidos en Casal de Armán: a necesidade dun cambio de paradigma do modelo de toma de decisións que permita adoptar técnicas adecuadas que permitan obter a maior eficiencia para o mundo rural.
Un dos expertos convidados en entidades locais, Serafín Pazo Vidal, responsable de política europea da Convención de Autoridades Locais Escosesas (COSLA), expuxo o exemplo de Escocia, un territorio moito mais grande que Galicia pero con menos concellos que a miúdo se sinala como caso de éxito. Pazos matizou que a mellora na xestión non estriba no número de concellos senón da repartición de competencias. Trátase de equilibrar o tamaño do concello coas competencias que pode xestionar e tamén das fórmulas de financiamento dos servizos.
Tamén a fusión de concellos como fórmula para mellorar a xestión de servizos aos cidadáns, foi comentada. Ao respecto o director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, afirmou que non cree que a fusión xeralizadas e obrigatorias sexan a panacea para a xestión municipal. “Hai que ser pragmáticos e analizar caso a caso.”
O presidente do Foro Económico, Emilio Pérez Nieto, fixo fincapé na falta de formación dos cidadáns do rural, “o campo está ausente da Formacion Profesional, os gandeiros e agricultores non teñen a formación necesaria, existe unha clara fenda entre zonas urbanas e rurais.”
A directora xeral de Agader, Inés Santé Riveira presentou o proxecto para a recuperación e posta en valor de terras, unha iniciativa estruturada en dous eixos: a dixitalización do medio rural e a formación dos axentes económicos.
Á V Reunión Casal de Armán, un encontro baixo a coordinación da profesora da USC, María Cadaval, asistiron unha trintena de expertos en entidades locais, desde o ámbito académico (Santiago Lago, Mar Pérez Fra, da Universidade de Vigo e da USC), á xestores públicos (Elena Candia, exalcaldesa de Mondoñedo e deputada do Parlamento de Galicia, María González-Albert, exalcaldesa da Rúa e deputada do Parlamento de Galicia, Inés Santé, directora xeral de Agader e Xaquín Fernández Leiceaga, senador ) e axentes que traballan no mundo local como Xosé Lois Lamazares, de Daveiga, e Antonio Rodríguez Corbal, do C.D. R. O Viso.
O evento foi pechado polo membro do Foro, Edelmiro López Iglesias.