Mencións especiais ao Mercado de Abastos de Santiago e Bodegas Algueira

Estrella Galicia, Naviera Mar de Ons e Arenal, galardoadas cos Premios Benfeito de Consumo

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) celebrou, este xoves, a primeira edición dos Premios Benfeito de Consumo, na que resultaron premiadas as empresas Estrella Galicia, Naviera Mar de Ons e Arenal e na que se destacou a excelencia e a innovación empresarial galega.

 

Estrella Galicia, Naviera Mar de Ons e Arenal, galardoadas cos Premios Benfeito de Consumo
Foto dos premiados na primeira edición dos premios Benfeito de Consumo.
Foto dos premiados e representantes institucionais na primeira edición dos premios Benfeito de Consumo.

O evento, que reuniu a excelencia, diversidade e innovación, serviu como escaparate das empresas que, co seu labor, contribúen de xeito significativo ao progreso socioeconómico de Galicia.

Na categoría de Produtos Alimenticios a competición estivo disputada con finalistas como Gadis, Estrella Galicia, CLUN, Pescados Rubén e Aceites Abril. Finalmente o premio, que foi entregado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a presidenta da UCGAL, Rocío Arnoso, foi concedido a Estrella Galicia, un recoñecemento á súa traxectoria de innovación e compromiso co medio ambiente e a cultura e deporte galegos.

Na categoría de Servizos, a Naviera Mar de Ons fíxose co galardón, nos que tamén estaban como finalistas empresas destacadas como Be One Ximnasios e Pousadas de Compostela, Caixa Rural Galega e Nosa Enerxía S.C.G. A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o directivo da UCGAL, Óscar Porral foron os encargados da entrega do premio á Naviera, que destaca polo seu compromiso co transporte marítimo sustentable.

En canto á categoría Produtos Non Alimenticios, competían empresas como Automóviles Louzao, Jesús Babío, Adolfo Domínguez, Droguerías Arenal e Addomo Arquitectura Modular. O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a directiva da UCGAL, María Devesa, entregaron o premio a Droguerías Arenal, que foi recoñecida pola súa constante innovación e oferta diversificada de produtos.

Rocío Arnoso, presidenta da UCGAL, sinalou que “esta noite é un claro testemuño do potencial e da forza da comunidade empresarial galega. Estamos moi orgullosas de poder recoñecer e celebrar o voso traballo e o compromiso ".

Durante a gala tamén se entregaron dúas mencións especiais a entidades que se destacaron pola súa contribución significativa ao territorio e a aposta polo produto local.

A primeira delas foi para o Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, que recibiu o premio das mans da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e a directiva de UCGAL, Carolina Castro.

Por outra banda, o director de Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos, e o secretario xeral da UCGAL, Miguel López foron os encargados de entregar o galardón a Bodegas Algueira, a outra entidade premiada.

Finalmente, Miguel López, secretario xeral da UCGAL, destacou que “é gratificante ser testemuños do compromiso que os galegos e galegas mostran coas empresas da nosa terra, destacando a súa excelencia e innovación a través dos Premios Benfeito de Consumo".

Estrella Galicia, Naviera Mar de Ons e Arenal, galardoadas cos Premios Benfeito de Consumo