XXIV Noite Galega das Telecomunicacións, o 24 de maio en Oleiros
Os enxeñeiros de telecomunicación recoñecerán as mellores prácticas no sector TIC galego
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019, que serán entregados o vindeiro 24 de maio en Oleiros durante a XXIV Noite Galega das Telecomunicacións.
Os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información distinguen o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e empresas.
Así, o Premio Enxeñeiro do Ano 2019 recoñece a traxectoria de Rafael Moya Fernández, un enxeñeiro de telecomunicación cunha dilatada e fecunda traxectoria profesional en Galicia. Moya leva máis de 23 anos vinculado a Telefónica e actualmente é o director de Operacións da Zona Norte desta compañía. O xurado tivo en conta para outorgar este premio a contribución deste profesional “ao progreso da profesión, ocupando diferentes postos de responsabilidade e a súa constante sintonía e proximidade con todos aqueles cos que traballou directamente”.
O Premio Socio de Honra, que recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que destaquen pola súa promoción das telecomunicacións na nosa Comunidade Autónoma, distingue o labor do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG). As xuntas directivas do COETG e a da AETG valoran como razóns determinantes da concesión deste premio “a contribución do CTAG ao desenvolvemento das TIC e a súa implicación no sector, a través dos proxectos de vangarda que desenvolve como é o caso do proxecto do vehículo autónomo”.
O Premio Axians 2019 á Empresa Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación distingue o labor de Nueva Pescanova, “pola utilización das TIC na transformación do grupo para seguir sendo un referente a nivel mundial na captura, cultivo, produción e comercialización de produtos do mar en 80 países”, segundo a acta do xurado, que destaca tamén que o actual Plan Estratéxico da multinacional viguesa concibe “as TIC como panca de cambio en todos os seus procesos produtivos”.
O Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola Amtega, recae este ano no proxecto Aperta. Trátase dunha aplicación desenvolvida por un grupo de estudantes da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo cuxo obxectivo é axudar a combater o bullying nos centros educativos. O xurado valorou como razóns determinantes para outorgar esta distinción a vocación social dun proxecto que pretende facer fronte ao acoso escolar, grazas ao deseño dunha aplicación sociometrica que consiste na automatización dos tests que actualmente se realizan nos colexios para comprobar o ambiente social existente nunha clase.
Finalmente, o quinto dos premios do colectivo de enxeñeiros de telecomunicación recollerá ao mellor expediente académico nesta disciplina e será entregado unha vez finalice o curso nun acto de seu.