O 23 de setembro, en Vigo
Os enxeñeiros de telecomunicación premiarán as mellores prácticas no sector TIC
Os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2022 distinguen o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e entidades.
O Premio Enxeñeiro do Ano 2022 recoñece a traxectoria de Ricardo Fernández Fernández. O xurado valorou como razóns determinantes desta distinción o feito de que Ricardo ten sido unha persoa clave na fundación da organización colexial do colectivo dos enxeñeiros de telecomunicación, á que permaneceu intimamente ligado coma director xerente desde o seu comezo, e coma secretario xeral en diferentes lexislaturas.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), recae este ano no proxecto Smilink, desenvolvido por Damián Vázquez Lavandeira. Valorouse a súa evidente utilidade para a integración social e a axuda á non desconexión da sociedade, das persoas maiores con problemas de mobilidade ou illamento. Tamén se tivo en conta a coherencia do proxecto coa estrutura poboacional de Galicia, con moitas persoas maiores que viven en soidade, especialmente no eido rural. Outro dos motivos foi o seu desenvolvemento técnico, integrando tecnoloxías punteiras para unha fin social práctica de xeito inmediato, con posibilidades de continuidade e evolución temporal.
O Premio Axians á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicacións recae na empresa Dinahosting. O xurado tivo en conta para outorgar este galardón, que patrocina a empresa Axians, os máis de 20 anos que Dinahosting leva ofrecendo solucións competitivas para a presenza en Internet, con infraestruturas e tecnoloxías punteiras desde Galicia e con capital independente. Ao tempo, tívose en conta a súa aposta polo capital humano galego creando emprego estable e de calidade na comunidade autónoma.
Novo galardón
Como novidade desta edición, os galardóns do Colexio oficial Enxeñeiros Telecomunicación Galicia e a Asociación de Enxeñeiros Telecomunicación Galicia estrean o Premio Vantage Towers ao Mellor Proxecto TIC para a Sostibilidade e Coidado da Terra. Impulsado pola compañía tecnolóxica que lle dá nome, o premio recae no proxecto Aldeas Intelixentes da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Valorouse como razón determinante desta distinción o modelo de aldeas intelixentes impulsado dende esta Axencia, que trata de garantir a dixitalización e a redución da fenda dixital en contornas rurais da man de solucións sustentables que teñan o menor impacto.
Noite Galega das Telecomunicacións
Con posterioridade ao acto de entrega de premios, que terá lugar no Hotel Attica 21 de Vigo, desenvolverase a Noite Galega das Telecomunicacións, que se concibe como un acto de networking por parte dos profesionais do sector e nel está previsto que participen arredor de 250 persoas, principalmente enxeñeiros de telecomunicación asociados, representantes de destacadas entidades que patrocinan o evento, organizacións, profesionais e empresas do ámbito TIC.
Neste 2022 os telecos celebran a Noite Galega das Telecomunicacións baixo o lema "Dixitalización sen fronteiras sociais". Con esta decisión, pretenden poñer o foco nunha cuestión clave: a vontade dos enxeñeiros de telecomunicación en cooperar coas diferentes administracións, con institucións e con outros colectivos profesionais para axudar a que ninguén quede atrás no acceso ás TIC.