Entregáronse 16.200 euros en premios repartidos en tarxetas prepago
Entréganse os premios da campaña Días Azuis do Comercio Galego
No transcurso do acto fíxose entrega dos 16.200 euros en premios repartidos en tarxetas prepago de 300 e de 150 euros aos premiados, pertencentes ás catro provincias galegas. O listado completo dos 80 premiados pode consultarse en www.diasazuis.com/ganadores.
Esta edición outonal da campaña “Días Azuis do Comercio Galego” tivo lugar entre o 1 e o 20 de outubro. É a cuarta vez que se desenvolve esta iniciativa, e a primeira ocasión na que se celebran dúas edicións anuais, sendo o obxectivo principal dinamizar as vendas no comercio de proximidade e premiar a fidelidade dos clientes. O éxito da campaña, que “axudou a ter nos nosos comercios, nas nosas rúas, nas nosas vilas e nas nosas cidades, un outono máis azul ca nunca” foi destacado por José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio.
A implicación na iniciativa promocional foi moi alta, tanto por parte dos comerciantes como dos consumidores, acadándose máis de 108.700 participacións. Por ese motivo, Seijas destacou especialmente a “colaboración das federacións provinciais de comercio, asociacións e centros comerciais abertos no bo desenrolo da campaña, que fai que cada ano sexan máis os establecementos, vilas e cidades que participan”.
Ademáis, suliñou a necesidade de desenvolver actuacións deste tipo “en positivo, que dan a coñecer os nosos establecementos, achegan os clientes ás tendas, dinamizan as rúas e fomentan as vendas”. Tamén falou da intensa actividade que está a realizar a Federación en colaboración coa Consellería de Economía en materia de dixitalización, con proxectos tan importantes como a implantación do ticket electrónico, o sistema integral de xestión e venda para o comercio Sicomercio.es e a plataforma de dixitalización Comerciogalicia.es.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou que os establecementos de proximidade debe saber anticiparse aos novos desafíos respondendo con innovación e buscando o grao extra de diversificación ao tempo que se pon ao cliente no centro da súa estratexia. Na súa intervención, o conselleiro apuntou que o comercio, que representa algo máis do 14% do tecido empresarial galego, significa calidade de vida para o seu entorno. Tal e como destacou, o obxectivo debe ser seguir crecendo e diversificando a actividade sen que se
desvirtúe a identidade de cada negocio. Para apoiar ese crecemento, a Xunta ten en marcha Comercio 360, unha iniciativa que busca a competitividade a través da dixitalización, a economía circular e o produto local.
No transcurso do acto, falou tamén o director de Banca de Particulares de Abanca, Manuel Nogueira Fernández, quen aplaudiu o éxito de participación acadado nesta nova edición e encadrou a colaboración da entidade bancaria como un exemplo máis do “compromiso” da entidade financeira co comercio de proximidade. Na súa intervención, explicou que Abanca pon a disposición dos establecementos “unha oferta completa e adaptada, ademais de solucións personalizadas como ‘Aplazos’, para o financiamento da clientela, ou ‘Alavuelta’, que os axuda a crecer e a tomar decisións de negocio aproveitando as vantaxes da dixitalización”.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, o presidente da Federación Galega de Comercio, o director de Banca de Particulares de Abanca, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, encabezaron o acto de entrega dos premios, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela e contou coa presencia dunha boa representación dos premiados, así como das federacións de comercio, asociacións e centros comerciais abertos de toda Galicia.