O 1 de decembro
O economista Antón Costas impartirá unha conferencia na Facultade de Ciencias Económicas de Vigo
O próximo 1 de decembro, o economista Antón Costas impartirá a conferencia 'Construir un novo contrato social. Cinco propostas', na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo, invitado pola agrupación estratéxica ECOBAS.
Nacido en Vigo, Antón Costas está especializado en economía política. É catedrático de Política Económica da Universitat de Barcelona e presidente do Observatorio de Análise e Avaliación de Políticas Públicas desa mesma institución, e compaxina o traballo de investigación co de divulgación, participando como columnista en El País, La Vanguardia ou El Periódico de Cataluña, e colaborando como experto para distintas radios e televisións como La Ser, RTVE, Antena 3 ou La Sexta. Ten escrito ademais numerosos libros, o último deles publicado este mesmo ano e titulado "El final del desconcierto. Un nuevo contrato social para que España funcione" (Península, 2017).
Dende fai moitos anos mantén un importante vínculo coa Universidade de Vigo, xa que antes de licenciarse en economía en Barcelona obtivo o título de enxeñeiro técnico industrial nesta Universidade, e foi o padriño da promoción de graduados en Economía no ano 2012.
O 1 de decembro, ás 13 horas, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus vigués, Costas impartirá a conferencia 'Construir un novo contrato social. Cinco propostas', á que se poderá acceder libremente sen necesidade de inscrición previa.