Rexistrándose máis de 236.850 participacións nas dúas edicións deste 2021
Días Azuis do Comercio Galego reparte 26.000 euros en premios
A iniciativa, organizada pola Federación Galega de Comercio coa colaboración da Xunta e Abanca, contou cunha alta participación, rexistrándose máis de 236.850 participacións, o que permitiu mobilizar un volume de facturación superior aos 4,5 millóns de euros para o sector.
Días Azuis do Comercio Galego, que chegou este ano á súa oitava edición, ten como obxectivo principal dinamizar as vendas no comercio de proximidade galego e premiar a fidelidade dos clientes. No transcurso do acto celebrado hoxe fíxose entrega a unha representación dos gañadores das súas tarxetas prepago de 250 e de 150 euros. En total repartíronse 26.000 euros en premios este ano.
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou neste acto, onde destacou outras iniciativas de dinamización comercial postas en marcha pola Adminitsración galega, coma o Bono Activa Comercio. Esta foi unha campaña deseñada en colaboración coa Federación Galega de Comercio para fomentar o comercio de proximidade e apoiar a recuperación do sector. Grazas a esta iniciativa acadouse unha mobilización de 25 millóns de euros en vendas nos establecementos de proximidade galegos.
Heredia ratificou que o compromiso da Xunta co sector seguirá presente de cara ao vindeiro ano, con medidas específicas en eidos como a a transformación dixital e a modernización do comercio de proximidade ou os modelos de negocio que aposten pola sostibilidade, o emprego mozo e a economía circular.