XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia
O CPEIG enxalza a enxeñaría en informática como a “forza impulsora do progreso”
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou o pasado venres en Santiago a súa ‘XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’. Un evento ao que asistiron máis de 350 convidados ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais do eido tecnolóxico.
Foron trece as distincións anuais que se entregaron, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. O enxeñeiro informático Diego Cid; a enxeñeira informática Verónica Bolón; o CIO da Fundación Mobile World Capital Barcelona, Eduard Martín; o Colegio de Ingenieros en Informática de Asturias; o Ministerio de Sanidad; a empresa Navantia; a plataforma formativa Code.org; o Grupo Calvo; a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; a startup Envita; a Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA) a través da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial, Nodo GalicIA da Xunta de Galicia e Concello da Coruña; o enxeñeiro informático Rubén Pérez Jove; as empresas Cisco, Eviden, Inforhouse, R e Vodafone; e a catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC, Amparo Alonso, foron as persoas, organismos e entidades distinguidas.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, agradeceu a presenza de todos os invitados na entrega dos premios da enxeñaría en informática, xuntanza na que se celebran os logros e recoñecementos de “persoas excepcionais e entidades de vangarda” que demostraron dedicación, paixón e talento nos seus esforzos. “Rendemos un merecido recoñecemento á excelencia como denominador común de todas e todos os premiados neste punto de encontro entre mentes creativas, innovadoras e líderes nos seus respectivos campos brindando a posibilidade de crear sinerxías e establecer novas colaboracións”, apuntou.
“A enxeñaría en informática transformou por completo a forma na que vivimos, traballamos e nos relacionamos. Cada día somos testemuñas do poder da tecnoloxía e de como inflúe nas nosas vidas”. Con esta contundente sentencia se dirixiu Fernando Suárez a un auditorio repleto de entidades e empresas tecnolóxicas, destacando os avances en intelixencia artificial e aprendizaxe automática ata o desenvolvemento de aplicacións móbiles e a cibeseguridade. Aínda que tamén lembrou que a enxeñaría en informática non trata só de tecnoloxía, programas e algoritmos, senón que explicou que detrás de cada liña de código hai seres humanos que traballan incansablemente, enfrontando desafíos e colaborando para lograr resultados extraordinarios.
"Nun mundo cada vez máis dixital, a enxeñaría en informática converteuse nunha forza impulsora para o progreso, revolucionando industrias enteiras, creando novas oportunidades de emprego e fomentando a creación de empresas innovadoras. A demanda de profesionais neste campo continúa en aumento, e é imprescindible que sigamos inspirando ás xeracións futuras a abrazar o poder da tecnoloxía e converterse nos enxeñeiros informáticos do mañá”, indicou Suárez.
Como non podía ser doutra maneira, o presidente do CPEIG tamén analizou os desafíos da profesión, centrados na ética e a responsabilidade. “A enxeñaría en informática ten o potencial de transformar a sociedade, pero debemos asegurarnos de utilizar ese poder para o ben común, protexendo a privacidade, promovendo a equidade e garantindo a seguridade nun mundo dixital cada vez máis complexo”.