"A Noite" celebrarase o 21 de xuño en Santiago de Compostela
O CPEIG entregará os seus premios anuais en xuño
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará no mes de xuño a súa “XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” o 21 de xuño, nun evento que reunirá a uns 350 convidados entre profesionais de empresas TIC, corpo colexial e autoridades, coa finalidade de visibilizar a profesión de enxeñaría en informática.
Fernando Suárez, presidente do CPEIG, destacou que “a Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”.
Durante a celebración da gala entregaranse os Premios da Noite, con trece categorías nas que as colexiadas/os recoñecen iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
Na edición do 2023, as persoas, os organismos e entidades distinguidas foron o enxeñeiro informático Diego Cid; a enxeñeira informática Verónica Bolón; o CIO da Fundación Mobile World Capital Barcelona, Eduard Martín; o Colegio de Ingenieros en Informática de Asturias; o Ministerio de Sanidad; o proxecto ‘Astillero 4.0’ de Navantia; Code.org; o proxecto “Calvo Residuo Cero” da compañía galega Grupo Calvo; a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; a start-up viguesa de innovación social Envita; a catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña (UDC) e investigadora no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da UDC, Amparo Alonso; o enxeñeiro en informática do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), Rubén Pérez Jove; e as empresas Cisco, Eviden, Inforhouse, R e Vodafone.
Dende a súa constitución en 2007, o CPEIG agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia e na actualidade conta con máis de 350 colexiados e colexiadas.