XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia
O CPEIG entregará os premios da profesión o 1 de xullo
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará o 1 de xullo, en Santiago, a súa XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, un evento que é punto de encontro entre colexiados, empresas e profesionais TIC de Galicia.
No marco da gala entregaranse os Premios da Noite, con 11 categorías nas que as colexiadas e colexiados recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. Os galardóns de 2021 recaeron en Samsung Electronics Iberia, Councilbox, Red Mundo Atlántico, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a enxeñeira en informática Ana Freire, o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, e o enxeñeiro en informática Carlos Eloy López Blanco. Ademais, na súa última edición o Premio Traballo Fin de Máster recaeu en Elisa Fernández Álvarez; Mateo Valero Cortés recibiu a distinción de Colexiado de Honra; o Premio Especial A Noite foi para Balidea, Emetel, Inycom e Minsait; e o Premio Especial á revista Código Cero.
Premio Traballo Fin de Máster
Un dos galardóns que se entregará no marco da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia é a 13ª edición do Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática. O galardón quere ser un estímulo para os estudantes e titulados recentes no máster en Enxeñaría en Informática.
Tal como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o traballo fin de máster da Enxeñaría en Informática nos anos 2020, 2021 e 2022. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa ata o día 12 de maio. As bases do galardón pódense consultar na web do CPEIG.
Mediante a organización deste premio, o Colexio busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación. O TFM gañador recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os traballos recibidos e seleccionará o traballo gañador.