Nunha gala en Santiago de Compostela
O CPEIG entrega este venres os premios anuais da profesión
O evento, que dará comezo ás 19 horas, estará presentado polo humorista e imitador Raúl Pérez, que ofrecerá un monólogo ao auditorio, e contará coa actuación do dúo Queen Forever Tribute
Esta 14ª edición da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” será inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e contará coa asistencia do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira; a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local do Concello de Santiago, Marta Abal; a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago, Mª del Pilar Murias Fernández; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
Premios da “XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”
No transcurso da gala entregaranse os seguintes galardóns:
- Premio Iniciativa Emprendedora. A compañía de recruiting ou de recursos humanos especializada no sector tecnolóxico, a galega Manfred, foi premiada con esta distinción polo seu labor de axudar aos profesionais a xestionar a súa carreira profesional e poñer en contacto ao mellor talento coas empresas máis innovadoras, empregando unha ferramenta que permite crear o CV e sincronizalo en múltiples plataformas online de forma automática, ofrecendo un maior control sobre os datos.
- Premio Iniciativa da Administración. O proxecto Equipos @, seis grupos especializados en ciberdelincuencia na Guardia Civil, recibe o premio nesta categoría por ser unha iniciativa que se creou para garantir a seguridade e a protección dos dereitos e liberdades dos usuarios no ciberespazo, enmarcado no Plan Estratégico contra la Cibercriminalidad do Ministerio del Interior.
- Premio Iniciativa Empresarial. Este recoñecemento foi para ‘The Waylanders’, un videoxogo de rol creado e ambientado en Galicia pola empresa coruñesa Gato Salvaje Studio.
- Premio Traxectoria Profesional. A distinción recaeu no xefe da Subárea da Seguridade da Amtega, Gustavo Herva Iglesias, que, tras vinte e dous anos de carreira, actualmente é responsable da definición e implantación das políticas corporativas de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais da Xunta de Galicia.
- Premio Especial CPEIG. Distínguese nesta categoría a UNICEF España/USC/CCII polo estudo Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades, ao Congreso Internacional de Animación, Efecto Visuales y Nuevos Media Mundos Digitales no seu 20 aniversario e á compañía coruñesa TRISON por liderar en Europa o sector da integración audiovisual
- Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática. O recoñecemento distingue por partida dobre ás doutoras en Informática Núria Castell Ariño e Karina Gibert Oliveras, tamén catedrática, ambas da Universidade Politécnica de Cataluña-BarcelonaTech. As dúas enxeñeiras en informática dedican parte da súa carreira á fomentar a presenza feminina e dar visibilidade ás mulleres no campo tecnolóxico.
- Premio e-Inclusión. IT4Ukrainians.com, plataforma de axuda á empregabilidade dos refuxiados ucraínos, recibe esta distinción do CPEIG. Impulsada impulado por Mobile World Capital Barcelona e CIONET, é un portal de oportunidades laborais para profesionais con capacidades no ámbito tecnolóxico e dixital en empresas punteiras en Europa.
- Premio Impulso Dixital de Galicia. Recibe este recoñecemento a Estratexia Galicia Dixital 2030 da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
- Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino. Reciben o premio os programas #IMPACT, de empregabilidade para persoas con discapacidade no sector da tecnoloxía da Fundación GoodJob.
- Premio Obxetivos de Desenvolemento Sostible (ODS). Recibe a distinción a rede Dinapsis de Viaqua, de hubs de transformación dixital para a xestión da auga e o medio ambiente en Galicia, e ao grupo SING de investigación biomédica e ciberseguridade da Universidade de Vigo (UVigo), formado por investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense.
- Premio Traballo Fin de Máster. A distinción outorgouse ao coruñés Íñigo Luis López-Riobóo Botana pola súa ferramenta de maximización de negocio na plataforma TripAdvisor. Os outros finalistas foron Daniel Pena, que desenvolveu un sistema para facilitar a compra online en supermercados a través do móbil, e José Morano, autor dunha ferramenta ferramenta web de apoio ao diagnóstico de patoloxías oculares.
- Colexiado de Honra. Este premio recaeu no director de Enxeñaría de Seguridade de Google, Bernardo Quintero Ramírez, promotor do primeiro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Google para Europa, que se inaugurará a mediados de 2023 en Málaga.