O premio para o gañador será de 1.000 euros
O CPEIG convoca o décimo Premio Proxecto Fin de Carreira e Mestrado en Enxeñaría Informática
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a 10ª edición do Premio Proxecto Fin de Carreira e Mestrado en Enxeñaría Informática.
Poderán concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o proxecto fin de carreira da Enxeñaría en Informática ou o traballo fin de Mestrado en Enxeñaría Informática nos anos 2017, 2018 e 2019. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa ata o día 10 de maio ao enderezo electrónico [email protected]. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñibles no portal www.cpeig.gal.
Mediante a organización deste premio, o Colexio profesional busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta e a asistir de balde á "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia". O gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador.
Noite da Enxeñaría en Informática
A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que o Colexio organizará o día 28 de xuño en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.