O 9 de abril
Conferencia sobre retos e oportunidades da transición enerxética na UDC
María Teresa Costa-Campi explicará a situación actual do ámbito enerxético desde unha perspectiva económica e de sustentabilidade. O obxectivo desta conferencia é ofrecer unha visión completa e rigorosa sobre os retos e oportunidades que están a definir a actual transición enerxética. Camiñamos cara unha economía descarbonizada e electrificada, o que obrigará a cambios de paradigmas e de tecnoloxías. O acerto nos investimentos enerxéticos por parte dos territorios será chave para ter éxito neste proceso de transición. Acerto que ten que ver non só coa dimensión económica e de rendibilidade, senón tamén coa sustentabilidade e a seguridade enerxética do propio territorio.
A catedrática de Economía Aplicada e directora da Cátedra de Sustentabilidade Enerxética da Universidade de Barcelona, María Teresa Costa-Campi, experta de recoñecido prestixio no ámbito da economía da enerxía, trasladará a súa análise e reflexións sobre estas cuestións que marcarán os vindeiros anos da transición enerxética.
Á conferencia, que terá lugar o martes 9 de abril a partir das 13 horas na Aula Magna da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (UDC), poden asistir tanto o alumnado como o público en xeral. Tan só deberán inscribirse no formulario da páxina web da Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética.