Os traballadores da factoría, as primeiras vítimas da descarbonización da economía
Concello da Coruña, Universidade, sindicatos e expertos en relacións laborais analizan o conflicto de Alcoa
O Concello da Coruña celebrou este martes un foro de debate no Paraninfo da Universidade da Coruña centrado no presente e o futuro de Alcoa, en cuxa orgnaización colaborou, entre outras entidades, o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense.
As mesas redondas celebradas estiveron centradas en distintos aspectos relacionados co conflicto de Alcoa, vistos desde as perspectivas social, laboral, institucional e sindical. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, foi o encargado de inaugurar o foro, xunto co vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, así como a presidenta do Colexio de Graduados Sociais, Susana Soneira. Todos eles puxeron de manifesto a preocupación social pola crise de Alcoa, suliñando que as institucións ás que representan estarán sempre ao servizo dos intereses e necesidades dos traballadores.
No primeiro debate participaron os representantes sindicais en Alcoa, pertencentes a CIG (Sergio Mosquera), CCOO (Miguel Conde) e UGT (Miguel de la Fuente), así como o director da Escola Universitaria de Relacións Laborais, Jesús Vázquez Forno. Nesta sesión, que veu seguida dun amplo debate, puxéronse sobre a mesa as distintas frontes desde as que se está a actuar para impedir o peche e cal é o sentir dos traballadores na súa loita. No segundo debate, a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez Barbero, mantivo unha exhaustiva conversa con diferentes membros do persoal da factoría, que puxeron de manifesto as súas dúbidas e consultas respecto da mediación e da negociación que se está a facer desde as administracións. Tamén interveu o deputado autonómico de En Marea José Manuel Lago Peñas, que manifestou as dificultades políticas para involucrar a Europa nesta loita.
As sesións remataron cunha charla dos expertos Tino Gago Conde, xerente do Espazo Cooperativo de Unión de Cooperativas Galegas, e Fernando de Llano Paz, profesor do Grupo de Investigación en Regulamento, Economía e Finanzas da UDC. Ambos foron os encargados de analizar o tema máis complexo: “Hai futuro ante o conflito de Alcoa?”. A conclusión, para ambos expertos, é que “o futuro non se pode prever, hai que construilo”, como sinalaba Gago, que amosou a súa esperanza en que exista un movemento nas persoas para que se dean conta de que hai que cambiar o modelo produtivo. Pola súa banda, Fernando de Llano admitía que os traballadores de Alcoa son as primeiras vítimas da descarbonización da economía, para engadir que esa transición debería ser máis xusta, de xeito que os que perden traballo sexan recompensados para poder subsistir e seguir traballando. Neste sentido, manifestou que esas alternativas debe ofrécelas a administración, creando pontes e canles con futuro.