O mércores 29, na sede cameral
O comunicador Marcelo Castelo exporá na Cámara compostelana as claves para que un vendedor conecte cos clientes
O experto en comunicación persuasiva, escritor e membro da axencia internacional Thinking Heads, Marcelo Castelo, impartirá o mércores, día 29, un seminario na Cámara de Comercio de Santiago baixo o titulo “Vendedores que venden e enamoran”.
O seminario, que se impartirá na sede cameral entre as 16 e as 21 horas, está destinado a profesionais de todos os ámbitos que desexen incrementar as súas posibilidades de facturar máis ao tempo que melloran a percepción que sobre eles teñen os seus clientes para convertilos nos mellores embaixadores da súa marca. O obxecto da charla será explicar en que consiste a venda emocional e as súas principais técnicas. “Ou eres o máis barato ou enamoras ao cliente”–sentencia o experto–.
Marcelo Castelo destaca que todos os profesionais son vendedores dos seus servizos ou produtos. Ademais de dar as claves dun bo profesional, entre eles os vendedores comerciais, o experto resalta as malas prácticas que seguen moitos profesionais. “Un mal profesional é o que pensa que o que lle funciona hoxe vai funcionarlle dentro de cinco anos. É o que se identifica coa toupa, amósase xordo ás mensaxes dos seus clientes e cego ante os cambios do mercado, e a isto hai que sumarlle que por timidez ou soberbia se comporte como se fose mudo agardando a que o cliente sexa telépata”, argumenta o experto.
Por oposición, o experto considera que un bo profesional é o que se identifica co moucho, que non só escoita aos seus clientes senón que está atento a todos os seus movementos, “cos ollos moi abertos e aprendendo a comunicarse con elegancia e eficacia”. Segundo Castelo, un bo profesional utiliza como técnica fundamental para vender o seu esforzo o feito de estar disposto a traballar máis que os demais. “A venda emocional esixe non só que ames aos teus clientes senón que previamente ames o teu traballo” –indica Castelo.