A “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” é o gran evento do sector TIC en Galicia
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia entregou os premios anuais da profesión
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou hoxe a súa “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” cunha cea de gala no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela á que asistiron uns 350 convidados.
A “XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” é o gran evento do sector TIC en Galicia, ao que asistiron representantes as empresas e profesionais do sector tecnolóxico, da Administración Pública, e do ámbito universitario, entre os que destacan a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o director do Igape, Juan Cividanes; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e o reitor da Universidade da Coruña (UDC),Julio E. Abalde; entre outros.
A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. Nela entregáronse 10 distincións, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. Segundo destacou o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, as persoas, empresas e institucións hoxe distinguidas están a consolidar a Sociedade da Información en Galicia, e subliñou que o Colexio está especialmente orgulloso da calidade dos galardoados, “proba do excelente estado do noso sector TIC dentro e fóra das nosas fronteiras”.
O director xeral de Mobile World Capital Barcelona –Carlos Grau–, a enxeñeira Mónica Fernández Bugallo, o director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Amtega – Carlos Vázquez Mariño–, o enxeñeiro informático Óscar Blanco, o proxecto “Camino de los Satélites”, o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, o Club Financiero Atlántico da Coruña, Hijos de Rivera, a asociación Alastria, os "Talleres e Axudas á Dixitalización" promovidos polo Igape e as empresas Altia e Everis foroon as persoas, organismos ou entidades distinguidas nestes premios.
Reflexións sobre o sector
No seu discurso, no que reflexionou sobre o acontecido no último ano no sector TIC e no que marcou os eixos da súa evolución futura, o presidente do CPEIG explicou que a tecnoloxía e as persoas compoñen a ecuación da Sociedade da Información, e a súa progresión dependerá de cuestións como vocación, actitude e talento. Destacou que esta dixitalización ten xa un impacto positivo, achegando respostas a retos sociais e ambientais, mellorando radicalmente a calidade de vida das persoas, a produtividade dos negocios e o crecemento da economía.
Ademais de ver as oportunidades desta revolución dixital, Fernando Suárez indicou que xorden tamén grandes desafíos, como a fenda dixital, o impacto nos empregos e na educación, o uso axeitados dos datos, a seguridade, a privacidade, ou a distribución da riqueza. Pero para dar resposta a estes retos, o presidente manifestou que son precisos valores e doses de humanismo, xa que todo debe xirar ao redor dos dereitos e obrigas das persoas no mundo dixital. “Ata agora, o ser humano dedicou moito esforzo para aprender a linguaxe das máquinas e poder comunicarse con elas e agora chegou o momento de que sexan as máquinas as que aprendan a linguaxe dos humanos” –destacou.
E para o futuro, Fernando Suárez compartiu cos asistentes tres desexos: que a tecnoloxía forme parte integral da sociedade para incrementar a calidade de vida da poboación; que Galicia e España invistan máis en I+D+i para converterse en líderes de Europa e ponte con Latinoamérica e África, ademais de investir en formación, atracción e retención do talento, actualización do sistema educativo centrándose nas STEM e fomento da creatividade e innovación; e que cada vez haxa máis nenos e nenas que queiran se enxeñeiros, investigadores, inventores ou innovadores en tecnoloxía.