A través do pitching "I+P Ideas para producir"
O Clag fomenta un ano máis a coprodución, venda e distribución de proxectos audiovisuais galegos
O Clúster Audiovisual Galego (Clag) vén de abrir o o prazo para inscribir proxectos audiovisuais na 12ª edición do pitching “I+P Ideas para producir” que se celebrará os días 20 e 21 de novembro en Pontevedra.
“I+P Ideas para Producir” ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión, produtores executivos, distribuidores e responsables de vendas internacionais.
O prazo de presentación de proxectos audiovisuais estará aberto ata o 8 de outubro. Logo, un comité de expertos seleccionará de entre todos os traballos recibidos quince para realizar un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual do noso país. O Clúster Audiovisual Galego comunicará a partir do día 30 de outubro os proxectos seleccionados que se presentarán no pitching. Posteriormente celebraranse os encontros one to one entre os responsables dos proxectos e produtores, responsables de antena, distribuidores e axentes de vendas. A xornada de pitching terá lugar o día 21 de novembro.
Nesta edición o “I+P Ideas para Producir” conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra. E coa colaboración da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), a plataforma online de proxectos cinematográficos Filmarket Hub e a compañía Music Library & SFX.
As empresas e os profesionais do sector audiovisual que desexen participar no 12º “I+P Ideas para producir” poden inscribir os seus traballos enviando o formulario que está dispoñible na páxina web do Clúster ao correo [email protected].