Na 16ª edición de Previsel
Cita coa prevención e seguridade laboral en Expourense
Formación especializada en prevención e seguridade laboral impartida por expertos na materia. Isto é o que ofrece a 16ª edición de Previsel que se celebrará no recinto feiral de Expourense, en Ourense, os días 22 e 23 de marzo.
A 16ª edición de Previsel foi presentada por representantes das entidades vencelladas coa súa organización. Participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o xefe do Centro ISSGA de Ourense, Ángel López; o secretario xeral de Tesgalicia e a directiva de Tesgalicia, Uxío Figueroa e Beatriz Fernández, respectivamente, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
O certame ofrecerá a profesionais e públixo en xeral dúas áreas diferenciadas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará cunha trintena deentidades participantes procedentes de Galicia na súa meirande parte, aínda que nesta edición se incorporan como expositores empresas especializadas en seguridade laboral de fóra da nosa comunidade como Symalean ou Tecnovida. Unha vez máis, destaca a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.
Os organizadores de Previsel elaboraron un completo programa con 30 actividades que teñen o obxectivo de sensibilizar da necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades e promocionar boas prácticas que garantan a saúde laboral dos traballadores e traballadoras.
Como en anteriores edicións, o Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia, ISSGA, volve apostar por Previsel como plataforma de promoción da cultura preventiva e como o marco elixido para impartir formación especializada dirixida a profesións concretas. Impartirán un seminario cada día e o primeiro deles, o do mércores 22 de marzo, estará centrado en “PRL nos Traballos temporais en Altura. Non caias da escaleira”. Participarán como relatores representantes do ISSGA e inclúe unha demostración práctica en andamio a cargo da empresa Prevenking, especializada neste tipo de traballos. Esta mesma empresa, en colaboración con RS Servicios PRL & Work Safety Solutions impartirán dous obradoiros prácticos na tarde do mércores sobre as proteccións colectivas na montaxe de andamios tubulares ou na instalación de liñas de vida.
Tamén vencellado cos traballos en altura está a xornada práctica organizada pola Fundación Laboral para a Construción. Esta mesma entidade, en colaboración coa Asociación de Construtores de Ourense (ACO) organiza tamén unha xornada sobre a prevención de riscos neste sector.
O segundo dos seminarios organizados polo ISSGA versará sobre a prevención dos riscos en carpinterías e o manexo seguro da maquinaria e equipamento necesario neste sector. Ademais, o ISSGA achegará relatores para participar noutras conferencias e mesas redondas do programa de Previsel organizados por outras entidades e que solicitaron a colaboración do seu persoal experto en seguridade laboral como é o caso da mesa redonda sobre prevención de trastornos músculo-esqueléticos na automoción.
Previsel conta un ano máis coa implicación dos tres sindicatos maioritarios en Galicia que convocarán aos seus afiliados de toda Galicia a participar nas actividades que organizaron. A CIG organizou un seminario sobre “acoso sexual e por razóns de xénero”. O sindicato UGT puxo en marcha unha xornada formativa sobre a vixiancia da saúde dos traballadores e as súas implicacións legais. Pola súa parte, CC.OO. abordará “a saúde como piar fundamental dos dereitos laborais”.
A Consellería do medio Rural, a través do Distrito XII Miño-Arnoia, impartirá unha charla sobre os “lumes de interfaz e o seu impacto na poboación”. Por outra parte, a empresa Kirleo – Escola de Oficios falará sobre “almacenamento de enerxía. A revolución das baterías”.
Ademais, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, Tesgalicia, organizarán unha quincena de actividades dirixidas a persoal sanitario e outras á sociedade en xeral e que apostan pola formación continua dos profesionais. Ademais do seu programa propio colaborarán nas actividades de Previsel impartindo unha obradoiro que ide a calidade da RCP con bonecos conectados a pantalla con telemetría.
Entre as actividades permanentes destaca o posto de asesoramento do Gabinete de Prevención de Riscos Laborais da Confederación Empresarial de Ourense; ascadeas de supervivencia da Cruz Vermella; as medicións antropométricas realizadas pola Xefatura Territorial en Ourense da Consellería de Sanidade; a formación sobre primeiros auxilios comunitarios impartida por Global Cardiac Services, ou a información sobre as carpas de aire presurizado como recurso preventivo e de intervención que correrá a cargo de Protección Civil do Concello de Barbadás.
Tamén participará no certame o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias (Axega). As actividades compleméntanse con distintas exposicións de equipamentos e vehículos vencellados coa prevención e as emerxencias achegadas por entidades como a Deputación de Ourense ou por empresas como Carrocerías Rodríguez López.
A asistencia a estas actividades é gratuíta e precisa de inscrición previa a través da web de Previsel ou no teléfono 988 36 60 30. O horario de apertura do salón será o mércores 22 de marzo de 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 19.00 h. e o xoves 23 de 10.00 a 14.00 h.