Do 2 ao 4 de marzo
Cimag-GandAgro analizará a actualidade dos sectores porcino e cunícola
A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, que terá lugar do 2 ao 4 de marzo no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, converterase nun espazo de análise da actualidade do sector agropecuario.
Abanca Cimag-GandAgro 2023 presentará un programa de conferencias, no cal o sector porcino e cunícola contarán con senllas xornadas monográficas nas que participarán expertos tanto de entidades galegas como de organizacións nacionais.
Así, o segundo día do certame, venres 3 de marzo, terá lugar o XXV Monográfico de Gando Porcino, organizado pola ADS de Gando Porcino de Silleda e que será presentado polo presidente desta entidade, Pablo Meijomín.
No seu marco abordaranse os retos do sector nunha contorna desafiante, por parte de Miguel Ángel Higuera, director da Asociación Nacional de Productores de Ganado Porcino (ANPROGAPOR). Así mesmo, explicarase como afrontar na práctica a nova lexislación ambiental nas explotacións porcinas. Os encargados serán dous responsables de medio ambiente da cooperativa Coren e a empresa Nudesa, David Pereira e Marcos Fuentes, os cales estarán acompañados de Meijomín.
Por outra banda, o último día de feira, sábado 4 de marzo, a cooperativa Cogal organizará unha xornada monográfica sobre cunicultura.
O primeiro dos relatorios centrarase na organización intersectorial cunícola Intercun como ferramenta ao servizo da cunicultura e será impartida por Mª Luz de Santos, xerente desta organización. A continuación, darase a coñecer a nova lexislación veterinaria e antimicrobianos, facendo fincapé nos requisitos para uso en profilaxe e as súas consecuencias en cunicultura. Farao Sara Sacristán, membro do equipo de coordinación do Plan Nacional frente a la Resistencia a los Antibióticos (PRAN) da Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios.