O 27 de outubro
Unha charla presentará as oportunidades do Biopolo Sionlla
O Ateneo de Santiago acolle este xoves, 27 de outubro, a charla titulada “Sionlla Biotech. Que oportunidades se presentan na área de Santiago?”, na que se darán a coñecer as características deste proxecto industrial estratéxico, froito da colaboración público-privada da Asociación Área Empresarial do Tambre, Xunta de Galicia, Concello de Santiago, USC e Cámara de Comercio de Santiago.
A conferencia, que dará comezo ás 19 horas, estará conducida por Álvaro Silva, director de Produción e Proxectos en Oxidine Water Technology, e nela participarán o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés; a presidenta do Clúster Bioga, Carme Pampín; e a conselleira delegada de UNINOVA, Carme Casado.
O proxecto Biopolo Sionlla, impulsado pola Asociación Área Empresarial do Tambre en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago (USC) e a Cámara de Comercio de Santiago, é un proxecto industrial estratéxico para Santiago e Galicia, iniciado hai máis de seis anos froito da colaboración público-privada. Componse de dous espazos: o Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas (CSIEB), xa coa obra en marcha que previsiblemente se inaugurará en xaneiro de 2023, e unha zona de desenvolvemento produtivo, con naves para a actividade empresarial.
Os relatores convidados polo Ateneo axudarán a albiscar que suporá no medio e longo prazo a posta en funcionamento desta gran iniciativa. O vindeiro 10 de novembro celebrarase na Asociación Área Empresarial do Tambre unha nova xornada comercial con empresas onde se lles explicará detalles técnicos do proxecto.