Os actos conmemorativos inícianse o 26 de abril cunha conferencia de Pablo Junceda
O Centro Empresarial do Tambre conmemora o seu 25 aniversario
Segundo valoran desde a Asociación Área Empresarial do Tambre, o Centro Empresarial do Tambre posibilitou a modernización dos servizos en materia de formación continua e axudou na creación de emprego, ademais de iniciar unha programación estable doutras actividades de carácter social e cultural.
Actualmente, a Asociación abarca os polígonos de Tambre, Boisaca, Costa Vella e A Sionlla, cun parque empresarial composto por unhas 600 empresas que dan traballo a máis de 9.000 persoas. A Asociación quere expandir o carácter industrial da súa área empresarial, de tal forma que deseñou unha acción estratéxica de longo alcance consistente na creación dun polo tecnolóxico na Sionlla para atraer firmas innovadoras do ámbito das Ciencias da Saúde. E hoxe é unha realidade o Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas (CSIEB), pendente da súa inauguración oficial para este verán.
O presidente da Asociación, José Fernández Alborés, sinala que a sede, que era imprescindible para o desenvolvemento asociativo, permitiu prestar os servizos axeitados aos empresarios e cubrir as súas necesidades xerais. Reunións e eventos de todo tipo, formación continua e desenvolvemento de programas de inserción laboral, e unha axeitada atención permanente ao asociado son, segundo o presidente, algunhas das prestacións relevantes que se puideron implantar ao instalarse a Asociación neste edificio. “Aínda hoxe segue dando cumprida resposta ás necesidades actuais. 25 anos é un fito relevante do que os empresarios, como colectivo, debemos sentirnos orgullosos. Ademais, estamos sentando as bases dun novo desenvolvemento industrial para Santiago e Galicia coa próxima apertura do Biopolo A Sionlla, un proxecto que iniciamos en 2015 e hoxe vemos os seus froitos”, argumenta Alborés.
Conferencia de Pablo Junceda
Os actos conmemorativos do 25 aniversario do Centro Empresarial do Tambre inauguraranse o mércores, 26 de abril, coa conferencia “Banca e economía: Reflexións e perspectivas” a cargo do director xeral de Sabadell Gallego e director xeral adxunto de Banco Sabadell, Pablo Junceda, ás 19 horas. Desenvolverá unha conferencia na que falará de dous conceptos interesantes: a banca móvese e adáptase con éxito a este entorno tan cambiante e, en segundo lugar, avanza no seu proceso de dixitalización e é cada vez máis conveniente e móbil, estando cos clientes cando e onde o necesitan.
O relatorio contará coa asistencia de medio cento de empresas asociadas á entidade, entre directivos e traballadores das compañías situadas na área empresarial. Os interesados en asistir poderán inscribirse a través do correo electrónico [email protected] ou no teléfono 981 55 28 50.