O sindicato organizará unha nova xornada monográfica o 5 de outubro
CCOO sitúa a economía circular como unha fonte de emprego fundamental para Galicia
Na xornada, celebrada en Santiago, participaron relatores de Comisións Obreiras pero tamén do mundo empresarial e universitario e foi seguida por 120 delegados do sindicato. A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, enfatizou a necesidade da economía circular como fonte de emprego para o noso país nun mundo cambiante e con incertezas de distinto cariz. Neste sentido, apelou a que Galicia «non pode perder o tren, porque quedará atrás» e insistiu en aproveitar as potencialidades da nosa terra.
En termos xerais se expresou a continuación Vicente Sánchez, secretario confederal de Transicións Estratéxicas de CCOO. O sindicalista valorou positivamente a dotación económica do PERTE da economía circular —como mínimo, 500 millóns de euros—, cuxo obxectivo é crear setenta mil empregos en todo o Estado. Con todo, o gran reto sindical será que a xeración de emprego implique unha redistribución das rendas do traballo, de xeito que a creación destes milleiros de postos de traballo "non sexa cun modelo de baixo custo".
A primeira intervención do mundo empresarial correu a cargo de Luis Miguel Fernández, responsable de sostibilidade de SIEMENS Gamesa, quen detallou distintos cambios operados na multinacional para reducir o impacto ambiental dos seus produtos. Desde o ano 2013, cada unha das súas novidades industriais ten unha análise de ciclo de vida que inclúe todos os pasos, inclusive o impacto final no medio ambiente. Isto permitiu que, en só cinco anos, para a mesma unidade de potencia por turbina, Gamesa conseguise reducir o potencial de quecemento global das súas fabricacións. «Isto que facemos nós deberíano facer en todas as empresas cando pensan en lanzar un novo produto», reflexionou.
Baixa porcentaxe de reciclaxe
A seguir, Carlos Martínez Camarero, secretario confederal de Saúde Laboral e Sostibilidade Medioambiental de CCOO, expuxo os retos da reciclaxe e a súa vinculación coa saúde. Segundo explicou, a economía circular require que os produtos estean deseñados para volvelos reutilizar no ciclo produtivo, de xeito que se consiga unha produción limpa: máis eficiente, aforrando materias primas, reducindo o consumo de enerxía, cambiando produtos por servizos... e eliminando a toxicidade de moitos produtos, o que tamén é moi importante do punto de vista da saúde laboral.
Malia esta importancia, España vai lenta no cumprimento dos obxectivos Europeos: actualmente, a taxa de reciclaxe española é do 30 %, pero para o 2030 debería ser do 66 %."Isto require medidas adicionais ás que temos agora", aseverou, ao tempo que apuntou que a mala xestión da reciclaxe e a incineración de residuos son culpables do 4 % das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Ana Gutiérrez, consultora de prevención de residuos e membro da Plataforma Retorna, reflexionou sobre os envases. "Temos a mellor opción para recuperalos?", preguntouse ao longo da súa intervención, onde puxo especial énfase nos plásticos.
José Antonio Rodríguez Añón, profesor de Física Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela, subliñou a importancia da economía circular nunha sociedade rural como a galega. E insistiu no termo «rural» porque, segundo a súa visión, "canto antes o asumamos, máis acertado será o diagnóstico".
Añón relacionou na súa intervención distintas realidades, como o cambio climático ou a dependencia de materias primas externas. "Temos que aproveitar as potencialidades de Galicia, pero partindo de que podemos perder o que temos se non actuamos. Agora abrimos a billa e sae auga, pero temos os encoros á metade da capacidade», alertou. "Ninguén quere unha reconversión en Galicia, queremos unha transición. Se non temos a convicción nin as ferramentas para levala a cabo, será unha reconversión máis e con menos tempo para reaccionar", advertiu o profesor da USC.
Hidróxeno verde para reducir a dependencia
Luis Alberto Otero, de Foresa, explicoulles aos asistentes as características dos proxectos da empresa para a xeración de hidróxeno verde mediante electrólise a partir de enerxía limpa. Isto, xunto con equipos de captura de dióxido de carbono —procedente das plantas de combustión de biomasa— permitiría sintetizar metanol, unha materia prima moi utilizada na industria química para a fabricación de adhesivos como os que se utilizan na industria do moble.
Otero insistiu na importancia dos proxectos da empresa en Caldas de Reis (Pontevedra) e Rábade (Lugo) para reducir a dependencia enerxética e de materias primas que padece Galicia. No caso do metanol, a maior parte do que se utiliza ten orixe en combustibles fósiles e é importado, polo que ten maior pegada de carbono e supón someterse ao mercado e a intereses de terceiros países.
Francisco Méndez Gómez, secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO de Galicia, fiou a súa intervención ao tempo que facía referencia ás ponencias previas, insistindo na importancia dun sistema produtivo circular como «primeiro chanzo» para avanzar en soberanía enerxética, industrial e alimentaria. "Cando comezamos a saír da pandemia, albiscábase unha certa recuperación, con maior consumo. E aí chegou a crise dos compoñentes, que nos trouxo a golpe de realidade que precisamos subministrar unha axeitada capacidade de materiais para manter a cadea produtiva", comezou Méndez. Isto obriga a redeseñar todo produto ou servizo que se venda na UE para que se poida reparar, recuperar e actualizar.
Enerxías renovables e soberanía alimentaria
Méndez tamén apelou a apostar decididamente polas enerxías renovables, porque "a tecnoloxía actual permitiríanos que toda a enerxía que precisamos sexa verde". E ligou esta reivindicación coa soberanía alimentaria, porque actualmente "case o 60 % do custo da produción de alimento son hidrocarburos, tanto para combustible, como para fertilizantes, plásticos... E Galicia pagará as consecuencias se non se electrifica esa parte da produción", aseverou.
Clausurou a xornada a secretaria xeral de CCOO-Hábitat, Alejandra Gesto. Non só defendeu a importancia da economía circular, senón que instou a que todas as delegadas e delegados de CCOO o asuman como tarefa prioritaria.
A vindeira xornada sobre esta temática terá lugar o vindeiro 5 de outubro.