Ciclo de conferencias da Cátedra de Empresa Familiar da UDC
Carmen Lence apela ao espírito de superación de Leche Río para vencer á crise
“Leche Río non só ten que sobrevivir, senón que ten que triunfar, porque marca a diferenza non só para os traballadores, para Lugo e para Galicia, senón tamén para España e Europa”, sinalou Carmen Lence nunha comparecencia que seguiron máis de 300 universitarios galegos tanto en modalidade presencial coma online.
Leche Río, que ten os seus tres centros de produción en Galicia, é a 6ª transformadora de leite en España e a 3ª que máis leite recolle na Comunidade, por detrás de dúas compañías estatais, e seguida de varias multinacionais estranxeiras.
Como exemplo da vocación de continuidade e permanencia da empresa en Galicia, Lence destacou que Leche Río vén de investir 18 millóns de euros nos últimos dous anos en melloras enfocadas na sustentabilidade, a eficiencia, a calidade e o respecto polo medio ambiente, e salientou o acordo de colaboración con Norvento e Agroamb para para crear unha planta de biogás en Lugo a partir de residuos propios e recollidos das ganderías.
Leche Río emprega directamente a 450 persoas en Galicia e traballa con 450 ganderías do rural galego, o 75% de tamaño mediano e pequeno. “Mercamos o leite directamente ás ganderías, que tamén son empresas familiares, porque un dos nosos obxectivos é apoiar ao rural e impulsar a eficiencia das explotacións, cun leite que se pague a un prezo xusto”, explicou Lence, quen fixo fincapé no compromiso coa sustentabilidade económica da empresa, que establece contratos anuais cos gandeiros e unha remuneración superior á media galega.
Próxima cita: Tino Fernández
O ciclo de conferencias das cátedras de empresa familiar, que dirixe Berta Rivera, continuará a vindeira semana coa participación do presidente de Grupo Altia, Tino Fernández, que abordará a internacionalización da empresa.