Acción incluída no Plan de Comercio Minorista
A Cámara ensinará aos comerciantes composteláns as chaves do márketing dixital
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organiza este mércores, día 27, unha acción divulgativa sobre márketing dixital, “O comercio dixital. As 40 chaves da mercadotecnia 2.0.”.
A acción formativa, dirixida preferentemente a autónomos, microempresas, pemes, empregados e emprendedores do sector comercial minorista, ten por obxecto que os participantes comprendan a importancia das novas tecnoloxías e a dixitalización no desenvolvemento actual do comercio, que tomen conciencia da envergadura da dimensión 2.0 nos negocios e como afecta aos métodos de traballo e ao potencial do mercado. Ademais, os asistentes aprenderán como a mercadotecnia dixital pode chegar a transformar as oportunidades de negocio e comercialización grazas ao uso das habilidades dixitais.
A conferencia estará impartida por Modesto Luis Gómez, licenciado en Económicas pola Universidade de Santiago, e consultor de marketing da Fundación Incyde. Segundo o experto, as novas tecnoloxías poden mellorar a visibilidade dunha empresa, amplificar as súas oportunidades, multiplicar o seu target, mellorar a experiencia dos seus clientes e facerlle gañar reputación. “Hoxe en día as novas tecnoloxías son imprescindibles como elemento de economía de escala dixital” –explica–.
Modesto Luis Gómez sinala que, para alcanzar estas metas, as mellores ferramentas son as webs, blogs, redes sociais, apps e elementos de deseño personalizado como os wallpapers. “Quen non as teña e non as use limita moito os seus escenarios de negocio” –apunta–. Pero o conferenciante destaca que para conseguir efectividade, o pequeno comercio debe centrarse en métodos de traballo dixitais que impliquen “cooperación competitiva”, como o email marketing, a xestión de redes, sistemas integrados de pagos a distancia e websites colaborativas que se nutran do coworking. En concreto, indica que para aumentar as vendas, os empresarios deben aplicar o sentido común e a curiosidade, no que en dimensión dixital se integra e planifica a partir do denominado “e-marketing 360º".
Unha das grandes barreiras do pequeno comercio son as grandes cadeas e superficies. O experto considera que para competir con elas é posible formular unha alternativa de calidade “diferenciable, atractiva e excelente”, competindo en "producto aumentado" a través dunha mellora cualitativa na comunicación interna e externa, adicándolle moita paixón, tenacidade e sacrificio.
A actividade, gratuíta con previa inscrición, celebrarase no salón de actos da sede cameral entre as 16:00 e as 20:00 horas.
A conferencia forma parte do Plan de Comercio Minorista, que desenvolven as as Cámaras de España e a Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía con cofinanciamento de fondos FEDER.