Nun acto o 21 de decembro
A Asociación Área Empresarial do Tambre distinguirá a traxectoria de 20 empresas
Trátase dun acto conxunto no que se fará un recoñecemento non só ás compañías que cumpriron 25 anos no polígono compostelán do Tambre en 2021, se non tamén as que o fixeron no 2020, ante a imposibilidade de facer un acto social o ano pasado por mor da pandemia. As compañías distinguidas en 2020 foron once: Arteal, Autocares Mosquera Bazar de Villar, Coregal, Dielectro Industrial, Excavaciones Hermanos Otero, Hijos de Rivera, Maderas Vázquez, Montelnor, Recambios Balsa e Sisrecon. Mentres, as homenaxeadas en 2021 pola súa traxectoria profesional no polígono son nove: Alquileres Reyca, Viaqua, Comercial Monte, Elidente, Ferlo, Inforhouse, J.B. Cao, Sondeos del Miño e Toldos Gómez.
O evento, que se desenvolverá o martes 21 a partir das 20 horas, será presentado por Manuel Nieto, vicepresidente da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET), que fará entrega aos homenaxeados dun diploma acreditativo e un pequeno agasallo. O acto estará presidido polo presidente de AAET, José Fernández Alborés, e contará coa asistencia de diversas autoridades, como o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, ademais de representantes das vinte empresas distinguidas.
A AAET distingue a capacidade de traballo que, ao menos, durante 25 anos veñen realizando estas empresas desde as súas naves no Polígono do Tambre. O presidente, José Fernández Alborés, explica que a asociación organiza este evento para enxalzar as particularidades e o bo facer de cada empresa, pero sempre destacando os “ingredientes comúns e imprescindibles” para o éxito empresarial que comparten todas as compañías, como son a ilusión, o esforzo e a colaboración. “As empresas mostran ao longo da súa traxectoria a ilusión por construír, por ver nacer e medrar o seu proxecto e consolidalo ou mesmo transmitilo a unha nova xeración, unha evolución alcanzada grazas a un gran esforzo na procura da competitividade, o mantemento da confianza dos clientes e un afán por innovar e reinventarse ano tras ano”. explica Alborés.
Garantiranse todas as medidas necesarias e especiais de hixiene, protección, aforo e acceso á sala, polo que se deberá manter a distancia de seguridade e usar sempre máscara.