Son máis de 400 empresas as instaladas nos polígonos do Tambre, Boisaca, Costa Vella e A Sionlla
A Área Empresarial do Tambre recoñece a “permanencia” de sete compañías que cumpren 25 anos asociadas
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) rendeu este mércores homenaxe a sete empresas situadas no polígono industrial que cumpriron 25 anos como asociadas: Porto Actual, Carpintería Metálica As Pontes, Comercial Suárez, Louzán, Pibatex, Portas e Automatismos Galicia (Pauga) e DST Software.
A festa do asociado, que se celebrou no Centro Empresarial do Tambre, contou coa asistencia de diversas autoridades autonómicas e locais e representantes de asociacións empresariais, como o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o subdirector Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Juan José Lirón; e o presidente da Comisión de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña, José Luis García.
Por parte das empresas distinguidas asistiron ao evento Javier Porto, xerente de Porto Actual; Santiago Rey, de Carpintería Metálica As Pontes; o xerente de Comercial Suárez, Lino Suárez; o administrador da empresa Louzán, Jesús Louzán; o copropietario de Pibatex Enrique Pintos; o xerente de Portas e Automatismos de Galicia (Pauga), Moisés Rodríguez; e os socios directores de DST Software Manuel Nieto e Raimundo Horjales.
Máis de 400 empresas
O presidente de AAET, Jesús Chenel, felicitou ás sete empresas distinguidas pola súa “permanencia” ao longo deste cuarto de século de carreira empresarial no polígono industrial do Tambre. Tamén quixo aproveitar o acto para anunciar que Asociación celebrará en 2019 o seu 40 aniversario.
Chenel non perdeu a oportunidade de falar dos beneficios do asociacionismo, exemplificados claramente coa inminente apertura da variante de Aradas e a mellora dos accesos ao polígono polo periférico e a N-550. Aínda que lembrou que quedan temas pendentes, como o orbital e o orbitaliño que conectarán nun futuro a área empresarial coa AP-9 e a A-8, “para dar servizo a toda a zona industrial do norte da cidade e contribuír a racionalizar o tráfico”.
Empeñados en ofrecer uns mellores servizos ás máis de 400 empresas asentadas na área empresarial –composta por máis de 3 millóns de metros cadrados repartidos entre os polígonos do Tambre, Boisaca, Costa Vella e A Sionlla–, Chenel afirmou que a asociación “está crecendo, incorporando novos socios e aumentando as nosas prestacións, mantendo unha posición reinvindicativa fronte ás Administracións na lexítima defensa dos intereses empesariais que representamos”. E en sintonía con estas liñas, no primeiro semestre do ano a asociación promoveu unha candidatura “forte e completa” que hoxe goberna a Cámara de Comercio de Santiago.
Ademais, Chenel explicou que a entidade continúa a colaborar no proceso de re-industrialización da cidade, para facer realidade o proxecto Biotech Madeira e procurar sentar as bases para atraer proxectos industriais innovadores. Outras das actividades buque insignia da asociación é o Plan de Emprego, xestionado con financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que este ano acadou a inserción laboral do 68% dos participantes.
Felicitación desde Concello e Deputación
Martiño Noriega felicitou ás empresas homenaxeadas, “porque sobrevivir 25 anos non é unha tarefa doada para ningunha empresa, e menos cando vimos de atravesar unha crise económica das dimensións da que sufrimos no país". Ademais, o alcalde aproveitou o acto para recoñecer o labor do conxunto do empresariado do Polígono do Tambre, un dos “motores económicos” de Compostela xunto co sector turístico. “Agardo que os tempos que veñen sexan moi positivos para o parque, e xa que logo para a cidade, que está a ver como se cumpren algúns vellos compromisos en materia de infraestruturas" –engadiu–.
Na súa intervención, José Luis García sinalou que as empresas ás que hoxe se rende homenaxe levan xa un cuarto de século pertencendo a unha asociación tan importante como é a asociación de empresarios do polígono do Tambre, “polígono empresarial referente en Galicia”, que conta xa con máis de 400 empresas instaladas que xeran uns 6.500 empregos directos. “A meirande parte de vós levades máis de 25 anos traballando e loitando pola vosa empresa e por iso felicítovos e douvos as grazas. Os empresarios e emprendedores como vós sodes o motor desta provincia, estades á cabeza da locomotora do desenvolvemento socioeconómico da nosa terra. Sodes xeradores de emprego, de ideas innovadoras e, en definitiva, de benestar e progreso. Por todos estes motivos merecedes esta homenaxe", manifestou.