A entrega de premios será o 13 de xuño

Aberto o prazo para optar aos Premios Galicia Alimentación 2024

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza a X edición dos Premios Galicia Alimentación co obxectivo de poñer en valor a calidade e profesionalidade do sector en Galicia e apoialo a través do recoñecemento e de visibilizar os seus produtos, servizos e accións.


 

Aberto o prazo para optar aos Premios Galicia Alimentación 2024
Premiados na edición anterior dos Premios Galicia Alimentacion. FOTO Clúster.
Premiados na edición de 2023 dos Premios Galicia Alimentación. FOTO: Clúster.

A edición deste ano, cuxa entrega de premios está prevista para o 13 de xuño nunha gala enmarcada no Foro Galicia Alimentación, inclúe novidades xa que se crean cinco premios en dúas categorías diferentes.

Así, a primeira categoría estará dedicada aos produtos alimentarios en si, e baixo o nome de “Alimentos e bebidas”, está integrada por dous galardóns:

O Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador está enfocado a recoñecer aqueles produtos que se caracterízan pola súa innovación, potencial comercial ou deseño e pola a súa adaptación ás demandas do consumidor ou que aportan valor ás materias primas galegas, con especial atención á relación entre nutrición e saúde.

Pola súa banda, o Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente recoñece aqueles produtos que incorporen valores tradicionais do sector alimentario galego adaptándoos ao momento actual polo seu deseño e usando materias primas locais. Neste caso cobran especial importancia as características organolépticas dos alimentos e bebidas que se presenten e, de feito, poñerase especial atención aos produtos “gourmet” e ecolóxicos.

A segunda categoría, “Iniciativas do Sector Alimentario”, premia aqueles proxectos, accións ou prácticas empresariais en tres ámbitos:

O Premio Galicia Alimentación á Estratexia de Márketing ou Internacionalización valora o esforzo de empresas e organizacións do sector alimentación por acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Neste sentido, valorarase o seu plan de márketing no posicionamento en novos nichos de mercado, a implantación de campañas e a evolución e dinamismo das exportacións na súa estratexia de internacionalización.

Nesta categoría ademais valorarase o traballo desenvolvido por institucións situadas fóra e dentro de España en favor da promoción dos produtos alimentarios e bebidas galegas, actuando, así, como “embaixadores”.

Poal súa parte, o Premio Galicia Alimentación á Innovación está dirixido a proxectos, institucións ou organizacións e empresas que destaquen pola súa innovación no seu modelo de negocio, que desenvolvan produtos ou servizos innovadores do ámbito da alimentación ou que destaquen polo seu carácter emprendedor e cooperativo.

Finalmente, e como novidade, o Premio Galicia Alimentación á Sostibilidade recoñece aquelas prácticas, institucións ou empresas caracterizadas pola súa sostibilidade, tanto na organización e produción coma nos seus produtos e servizos.

Clusaga resérvase a posibilidade de establecer un Premio Honorífico Galicia Alimentación para aquelas personalidades que destaquen pola súa traxectoria profesional na industria alimentaria, que teñan contribuído ao fortalecemento do sector e cunha destacada visión da innovación e sostibilidade neste ámbito, tanto no sector público como privado. 

Detalles da convocatoria

Poden optar a estes premios persoas físicas, autónomos, micro, medianas e grandes empresas, que teñan sede social, centros produtivos ou exerzan a súa actividade comercial ou transformadora en Galicia e institución galegas ou situadas fóra do territorio que desenvolvesen actividades en favor dos produtos alimentarios galegos.

Unha mesma entidade ou profesional pode presentar candidaturas a varios premios, sexan ou non da mesma categoría.

As persoas, empresas ou entidades interesadas en presentar a súa candidatura poderán facelo desde este luns e ata o 25 de abril, incluído, a través dos formularios da web de Clusaga.


 


 


 

Aberto o prazo para optar aos Premios Galicia Alimentación 2024