Ata o 15 de novembro
Aberta a presentación de candidaturas aos Premios Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia
Vén de abrirse unha nova convocatoria do Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia, que destacará aqueles traballos que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social desta comunidade e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.
Este galardón, de carácter anual, está impulsado polo Consello Económico e Social de Galicia e o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela (IDEGA).
O premio contempla dúas modalidades, ao destacar aqueles traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas entre o 15 de outubro de 2016 e o 14 de outubro de 2017, así como as teses de doutoramento presentadas en calquera universidade entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 14 de outubro de 2017. O textos poderán estar redactados en calquera idioma.
A proposta de candidaturas poderán realizala ata o próximo 15 de novembro de 2017 calquera docente, investigador ou institución a través da secretaría do IDEGA.
3.000 euros en premios
O xurado conformarano o reitor da USC como presidente, a presidenta da Consello Económico e Social de Galicia, o director do IDEGA (secretario), un membro designado polo IDEGA e outro polo Consello, xunto con tres persoas de traxectoria recoñecida na investigación en Ciencias Sociais en Galicia. A súa resolución terá en conta a relevancia da contribución para o progreso do coñecemento da realidade socioeconómica de Galicia, así como para a mellor asignación dos recursos, o impulso ao crecemento, ao emprego e á consecución de cotas máis altas de equidade.
O ditame farase público antes do 20 de decembro e leva asociados dous premios en metálico, de 2.000 euros para os traballos publicados en revistas e de 1.000 euros para as teses de doutoramento.