Comprométese por un período de catro anos
Abanca, principal patrocinador privado da Mobile Week Coruña
A entidade será o principal apoio privado da primeira edición da Mobile Week Coruña, un evento ao redor da transformación dixital e o seu impacto na sociedade que se desenvolverá entre o 21 e o 28 de novembro na Coruña, a súa área metropolitana e Compostela.
O director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións de Abanca, José Manuel Valiño; o director de Marketing, Intelixencia e Dixital de Abanca, Jorge Mahía; o director de Digital Future Society de World Mobile Capital, Esteban Redolfi; o director executivo da Mobile Week Coruña, Guillermo Taboada, e a presidenta da Conferencia de Decanos de Educación de España, Carmen Fernández Morante, presentaron na sede de Abanca Innova na Coruña esta colaboración.
O acordo que subscribiron a entidade financeira e o Club Financiero Atlántico, que colabora con Mobile World Capital Barcelona na organización do evento, materializa o compromiso do banco con esta iniciativa por un período de catro anos e ofrece estabilidade aos promotores para organizar novas edicións do evento na cidade nese prazo.
Participación activa na programación
ABANCA, a súa Obra Social, Afundación, e IESIDE tamén terán presenza activa nalgunhas das numerosas actividades que inclúe o programa da Mobile Week Coruña, especialmente dentro do bloque Mobile Week Talks. Así, e entre outras, o xerente de Seguridade TI de Abanca, Carlos Pérez Saldaña, participará na Xornada de Ciberseguridade #pemesegura.gal que se desenvolverá na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o mércores 21 de novembro; e o director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións, José Manuel Valiño, participará na mesa redonda ‘Revolución dixital no traballo` o venres 23. Neste encontro, que se desenvolverá en Expocoruña, abordaranse cuestións como os novos perfís profesionais que xorden por mor da revolución tecnolóxica, a empresa 4.0, a intelixencia artificial ou as criptomoedas. Co director xeral de ABANCA estarán Eva López Barrio, directora de Uniemprende da USC; Edita de Lorenzo, doutora enxeñeira de Telecomunicación; Juan José Delgado, Global Chief Digital Officer en Estrella Galicia; Tomás González Caballero, director xeral da Asociación Data Economy España, e José Luis Sancho, director xeral de Accenture Digital España, Portugal e Israel.
Tamén no bloque Mobile Week Talks enmárcanse charlas dinámicas organizadas por ABANCA, Afundación e IESIDE baixo o título ‘Claves do futuro na empresa’. Os relatorios, a cargo de recoñecidos expertos nos campos do marketing, a innovación ou o management como Idoia de Paz Gómez, Jesús Hernández Ruiz, Álvaro Gómez Vieites ou Jaume Gurt, analizarán as liñas mestras do futuro nos catro ámbitos fundamentais da empresa: as persoas, as tecnoloxías, os clientes e o management. A actividade desenvolverase nas instalacións de IESIDE na Coruña o luns 26 de novembro, entre as 18.00 e as 20.00 horas.
Abanca tamén estará presente na clausura do evento o mércores 28 de novembro, ás 19 horas, en Palexco, cunha intervención do conselleiro delegado, Francisco Botas.