A cita do sector agropecuario terá lugar en febreiro de 2019
Abanca Cimag-GandAgro prepara a súa terceira edición
O comité organizador da Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag- GandAgro vén de celebrar unha nova xuntanza para perfilar os detalles da súa terceira edición, que terá lugar do 21 ao 23 de febreiro de 2019.
Co obxectivo de conseguir que Abanca Cimag-GandAgro se convirta nun efectivo punto de encontro do sector agropecuario, o comité organizador analizou diversos aspectos da feira, como a comercialización, sobre a que se destacaron as súas boas perspectivas para incrementar o número de expositores e superficie respecto á pasada cita e tamén importantes incorporacións de empresas que se produciron ata o momento para esta edición.
Así mesmo, detallouse o plan de promoción do certame, no cal se está a levar a cabo un notable número de accións e se incorporan novos soportes de marketing dixital. Ademais, comezouse a perfilar tanto o programa de actividades da feira como as entidades que realizarán xornadas técnicas.
No encontro o sector volveu amosar o seu respaldo a Abanca Cimag- GandAgro, estando representado por unha vintena de entidades, empresas e cooperativas con gran peso no ámbito agrogandeiro. Así, participaron a Federación Galega de Produtores de Porcino (FEGAPOR), Federación Frisona Galega (FEFRIGA), Africor Pontevedra, Grupo Coren, Delagro, Aira, Xenética Fontao, Farming Agrícola, Ausama, Maxideza, Tecnor Lalín Maquinaria, Rosber, Agrotec Entrecanales, Gea Farm Technologies Iberia, Talleres Moga, Cardelle Hidráulica – Forcar, Claas Ibérica, Hermanos Villar, Millares Torrón e ABANCA Agro.
A reunión estivo presidida polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta de Galicia, Silvestre José Balseiros Guinarte. Durante a súa intervención trasladou aos presentes que dende a Consellería do Medio Rural se vai apostar pola mobilidade da terra produtiva a través dunha lei, cos obxectivos de acabar cos incendios e poñer en produción a terra, e tamén pola gandería de leite e carne como sector estratéxico, xunto coa agricultura e a maquinaria, e polos produtos de calidade para acadar unha mellora que se traslade en forma de rendibilidade a todos os produtores.