Unha campaña que busca atraer clientes a estes espazos tradicionais
86 prazas de toda Galicia súmanse á campaña "Quere ao teu mercado"
Un total de 86 prazas e mercados de toda Galicia súmanse este ano á campaña internacional "Quere ao teu mercado" que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Federación Galega de Comercio.
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou na presentación desta iniciativa, nun acto que tivo lugar na praza de abastos de Bueu e no que estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas. Tamén acudiron os presidentes e representantes de Fepragal e doutras prazas de Galicia.
Vázquez explicou que a Xunta, no seu propósito de promover os mercados e prazas de abastos de Galicia, incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local e a profesionalidade e bo facer dos praceiros e praceiras leva a cabo, por cuarto ano consecutivo, esta actuación de carácter internacional de promoción dos mercados locais e prazas de abastos.
Deste xeito, baixo o lema "Preto do teu corazón", realizaranse ata o próximo 27 de maio unha serie de eventos nos mercados dos países e cidades participantes para intentar atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados de proximidade.
Trátase, en palabras da directora xeral, de unir a nivel internacional aos mercados locais de diferentes formas e tamaños nun fin común: aumentar a súa visibilidade, a presenza de consumidores e o consumo no comercio de proximidade, ao tempo que se fortalecen os lazos de unión e a fidelización cos usuarios.
En colaboración coas asociacións e federacións de praceiros e praceiras, celebrarase, ademais, o Día do mercado, que terá lugar o sábado 26 de maio.
En total 3.000 praceiros e praceiras organizarán todo tipo de eventos para poñer en valor os produtos de calidade dos seus mercados como degustacións gastronómicas, showcookings ou obradoiros de cociña, concursos de tapas e exhibicións de pratos elaborados con produtos do mercado. Tamén aproveitarán a campaña para converter as prazas de abastos e mercados en verdadeiros espazos de diversión con actuacións musicais, visitas guiadas para os escolares e outras actividades de ocio como sorteos e sesións de baile.
"Quere o teu mercado" (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano celébrase en 19 países.