Celébrase en Expourense os días 24 e 25 de novembro
21 expertos analizarán o potencial turístico do deporte no III Congreso Internacional de Turismo Deportivo
O III Congreso Internacional de Turismo Deportivo contará coa participación de 21 expertos que analizarán o potencial e a influencia do deporte na oferta turística dun destino. O deporte está entre as tres principais motivacións dos turistas estranxeiros que visitan España o que é, sen dúbida, unha oportunidade para a diferenciación dos destinos e para o seu desenvolvemento económico.
Neste congreso analizaranse experiencias de éxito en diferentes destinos que poderían ser replicables noutros e que permitirán explorar posibles vías de crecemento neste sector económico e de emprego tan significativo como é o do turismo vinculado ao deporte, despois do grande impacto que tivo a pandemia no sector. Cómpre lembrar que o sector deportivo xera na actualidade en Galicia máis de 12.000 postos de traballo, cun volume de negocio de 1.600 millóns de euros.
Tendo en conta que o turismo deportivo adoita practicarse en paraxes naturais, este congreso abordará o seu impacto nos Xeoparques Mundiais da UNESCO expoñendo o exemplo do Xeoparque Cultural do Maestrazgo, ubicado na provincia de Teruel, ou o do Parc Olímpic del Segre, na de Lleida. Desde a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia tamén se falará da práctica deportiva en contornas naturais protexidas. Tamén se analizará o marco xurídico das actividades deportivas no medio natural e a sustentabilidade nos Camiños a Santiago.
Outros dos temas a abordar serán os fondos Next Generation en turismo deportivo e os plans de sustentabilidade turística en destino, a innovación en Turismo Deportivo, ou das actividades de turismo activo como elemento tractor de turismo dun destino presentando os casos de éxito do Pena Park Aventura de Ribeira da Pena Portugal ou da Tirolina das Minas da Pontenova (Lugo). Tamén se presentará o impacto económico dos Campionatos de España de Atletismo, e da organización de eventos en recintos feirais como Expourense ou o IFEVI.
Este congreso analizará ademais algúns deportes concretos e a súa influencia no turismo como o golf, o cicloturismo, ou o surf. Sobre este último, presentarase o caso práctico do “Surf Life Saving Australia” e analizará se é un modelo exportable a Europa. Como caso de éxito galego presentarase a proba ciclista “O Gran Camiño”.
O congreso, ao que xa están inscritos máis de medio milleiro de persoas, poderase seguir de xeito presencial dende Expourense ou de xeito virtual.
Sportur Galicia
Canto a quinta edición do Salón do Deporte e Turismo Activo, Sportur Galicia, convoca a medio cento de participantes entre os que destacan federacións e clubes deportivos de Galicia, que comparten espazo con destinos de turismo activo e vencellados coa natureza de Galicia e Portugal.O salón conta cun completo programa con máis de 70 actividades.
Sportur Galicia está organizado por Expourense co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte e da Deputación Provincial de Ourense. Conta ademais co apoio de Aqualia e do Concello de Ourense a través do seu Consello Municipal de Deportes e de Turismo.
A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfiís en Facebook e Instagram. O horario de feira será o mesmo durante os dous días: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.