Espera formar a 1.300 directivos de pemes de Galicia
Lugo, á vangarda en iniciativas de transformación tecnolóxica
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu este mercóres a presentación oficial de 'Generación Digital Pymes', un proxecto de EF Business School e Cesuga que ten como obxectivo final facilitar a transformación dixital das pemes.
Generación Digital Pymes é un programa de formación en dixitalización híbrido, online e presencial, especificamente deseñado para directivos, a través do cal se espera formar a 1.300 directivos de pequenas e medianas empresas de Galicia, co fin de que lideren a súa transformación dixital.
Venancio Salcines, presidente da escola de negocios EF Business School e do Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) explicou os detalles dun proxecto que conta coa colaboración da CEL e a súa Escola de Empresarios en Lugo.
Ao acto de presentación tamén asistiron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación, José Tomé, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, ademais do secretario xeral da CEL, Jaime López.
Colaboración institucional para unha transformación empresarial
López sinalou que “a CEL colabora con iniciativas como esta buscando que ningunha empresa de Lugo se quede sin acceder aos Fondos Next Generation UE para dixitalización ou outros programas de apoio ao tecido económico”.
Pola súa banda, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou deste programa que é un “exemplo de colaboración institucional” e lembrou que xa se destinaron 100.000 millóns de euros a proxectos de dixitalización como este, dos que “xa se beneficiaron máis de 25.000 empresas en Galicia, 4.000 en Lugo”.
José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, destacou que estas iniciativas “contribúen de maneira moi importante a fortalecer e a diversificar o tecido empresarial da provincia, a gañar competitividade e produtividade, a abrir novos mercados e, polo tanto, a xerar máis riqueza e emprego”.
Finalmente, a alcaldesa de Lugo destacou igualmente a importancia da colaboración público - privada para seguir avanzando en cuestións como a tranformación ecolóxica e dixital, e subliñou que neste ámbito “Lugo ten feitos os deberes” con proxectos como o presentado hoxe ou Lugo Tranforma, fondo de inversión municipal a través do que xa se está apoiando a cinco proxectos onde os TICs son fundamentais.