Asinan un acordo de colaboración mutua
Colexio de Psicoloxía e empresarios lucenses colaborarán en formación e asesoramento
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) colaborarán en iniciativas conxuntas no ámbito da formación e do asesoramento organizacional.
Así se recolle no convenio que asinaron a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), María Rosa Álvarez Prada, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime Luis López Vázquez, na sede da propia CEL, en Lugo.
Este acordo de colaboración mutua pretende fomentar o emprendemento, o asesoramento técnico ao tecido empresarial e a formación nos ámbitos de actuación de ambas as entidades. O pacto entre as dúas institucións comprométeas a colaborar adecuadamente para conseguir tales obxectivos. Por parte da CEL obrígase a realizar actividades de información, asesoramento e formación encamiñadas á mellora da cualificación profesional e empresarial.
Pola súa banda, desde o COPG proporcionarase asesoramento en cuestións relacionadas coa Psicoloxía do Traballo e das Organizacións, en temas como o deseño de programas de información e formación relacionados coa prevención de riscos laborais ou a xerencia de recursos humanos, entre outros. Así mesmo, o COPG organizará actividades de orientación sociolaboral dirixidas á mellora das competencias para a busca efectiva de emprego e o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras.