Os polos da provincia luguesa asesoraron xa a 123 emprendedores
Rivo inaugura o polo de emprendemento de Friol e anuncia outro para Sarria
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, inaugurou este luns en Friol o Polo de emprendemento e apoio ao emprego Lugo Comarca, nun evento no que tamén avanzou a próxima apertura doutra infraestrutura similar no municipio de Sarria.
Elena Rivo destacou neste acto o potencial que ofrece Lugo para xerar riqueza e emprego, e anunciou que a Xunta de Galicia instalará o quinto polo desta provincia en Sarria nos próximos meses. “Cremos no potencial emprendedor do interior de Lugo, que conta con enorme riqueza gastronómica, pero tamén cultural, turística e paisaxística”, indicou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, que subliñou como puntos fortes deste territorio que estea atravesado polos camiños de Santiago, forme parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño e conte con rico patrimonio cultural e gastronómico, entre outros potenciais.
Para a conselleira “diso tratan os polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego: de xerar actividade vencellada co territorio a través do emprendemento e da creación de emprego de calidade” e Lugo conta “con moitos valores que aproveitar e potenciar”, afirmou.
O polo Lugo Comarca ten como sede o Centro Sociocultural de Friol. O seu traballo súmase ao desenvolvido polos outros tres polos de emprendemento en activo na provincia: A Mariña, en Mondoñedo; Montaña luguesa, na Fonsagrada; e Lugo Sur, en Monforte de Lemos.
Desde que iniciaron a súa actividade hai un ano, os polos de Lugo deron asesoramento e axuda para levar a cabo proxectos de emprendemento de 123 persoas, coas que se realizaron máis de 300 sesións de traballo. Entre as actividades máis representadas nos proxectos de emprendemento, atópanse a hostalería (26% do total), o comercio (10%), servizos (10%) e as actividades recreativas, de entretemento e artísticas (9%). As persoas emprendedoras que recibiron apoio nos polos da provincia teñen no 54% dos casos entre os 35 e os 52 anos, e o 61% son mulleres.
Cobertura en toda a Comunidade ao finalizar 2023
A Xunta de Galicia comezou hai algo máis dun ano a implantar a Rede de polos de emprendemento que antes de rematar o ano dará cobertura ao 100% do territorio. Grazas a mesma, estase a casar a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e social da Comunidade e se contribúe a dinamizar o mercado de traballo e fixar poboación. A través destes centros préstase asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial.
Durante este tempo de funcionamento, estes recursos atenderon xa case 600 persoas emprendedoras e permitiron celebrar máis de 1.700 titorías.