Organizado por Eu Rural en Tomiño
O II Foro da Muller Rural Galega dá voz a 14 emprendedoras
“Esta segunda edición volve poñer o foco sobre mulleres emprendedoras, valentes, capaces de vivir e emprender no rural. Estamos orgullosas de todas vós e da vosa man comezamos este camiño que xa non ten volta atrás e que no que ano tras ano iremos poñendo en valor ás mulleres empoderadas dos nosos municipios”, destacaba Sandra González durante o acto inaugural, celebrado en Tomiño, no que participaron alcaldes, alcaldesas, concelleiras e concelleiros dos 13 municipios do territorio.
A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER, Inés Santé, quixo agradecer a Eu Rural a posta en marcha deste foro e quixo resaltar todos aqueles indicadores que poñen de manifesto a importancia da muller no rural, así como a súa presenza nas novas incorporacións de xente moza á actividade agraria ou a cantidade de mulleres que atoparon ou consolidaron o seu emprego a través das axudas Leader. “Existe emprendemento no rural en feminino”, destacou.
Pola súa banda, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, recalcou que “hai moitos proxectos interesantes que demostran que podemos aproveitar todo o que temos no noso rural e que nos sitúan nos postos máis altos do ranking estatal de emprendemento feminino dende hai anos. É o momento de servir de exemplo”. Mentres, a deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, deu os parabéns a todas as mulleres que hoxe están aquí, pero tamén a todas as que están a defender proxectos co rural como esencia e raíz”.
En total, 14 mulleres emprendedoras deron a coñecer os seus 13 proxectos, iniciativas que demostran de novo que o rural ofrece moito máis que sector primario. Así, nesta segunda edición compartiron as súas experiencias e visibilizaron as súas realidades Nuria Villa, de Petit de la Crème e Nuvi & Éxfico (A Guarda); Mar Lago, de Glamping do Mar (Baiona); Paula Fernández, de Pazo da Escola (Gondomar); Elisabet Lage, de Casa Rural Magina (Fornelos de Montes); Carla Valle, de Clínica de podología Pisamos (Mos); Silvia Mollinedo, de Guardian Xoias (Nigrán); Carmen Blanco, de Casa Rural Casa Puertas (Oia); Estefanía Grandal, de Encaixa Estudo de Arquitectura (O Porriño); Angélica Lage, artesana (Pazos de Borbén); Inés Tornero, confección de bolsos (Redondela); Marisol e Raquel Otero, de Augaluz Florista (O Rosal); Mariví Álvarez, de acuBam (Tomiño) e Natalia Rodríguez, de Bodega Corista (Tui).
Homenaxe a Clara Pousa
O Foro reservou un espazo especial para o recoñecemento de mulleres que foron, son e serán pezas fundamentais para o desenvolvemento do territorio. Este ano a homenaxe foi para a goianesa Clara Pousa, un referente do empoderamento feminino en Tomiño e na comarca. Enxeñeira, técnica na Oficina Agraria Comarcal do Rosal e presidenta da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Goián, Pousa recibía de man da alcaldesa Sandra González unha escultura da artista búlgara afincada en Tomiño Liliya Pobornikova.