Promoción do emprendemento na FP
Unha cooperativa que deseña cubertas verdes e unha pastelería creativa, premios "Eduemprende Idea 2016"
Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participaron este luns na entrega dos premios do concurso ‘Eduemprende Idea’ na Cidade da Cultura, onde resaltaron a importancia da educación e a formación no impulso á actividade emprendedora na comunidade.
O xurado do concurso ‘Eduemprende Idea 2016’ decidiu outorgar o primeiro premio da modalidade A (estudantes de ciclos e ensinanzas de grao superio) a ‘CUVEGAL’, do coruñés CIFP Someso. Desenvolvido por Mª José Bello Dans, Eva Varela Roade e Soraya Vaz Parada, trátase dunha cooperativa dedicada ao deseño de zonas verdes nas cubertas e fachadas, co obxectivo de crear espazos ecolóxicos e sustentables, diminuír a contaminación ambiental e colaborar no reverdecemento das cidade. Ademais, plantexan a posibilidade de empregar este sistema como solución de illamento térmico.
O segundo premio nesta modalidade foi para ‘Metamorfose’, tamén do CIFP Someso, un traballo de Eva Bouzas Sieira e Sabela Pose Rodríguez para crear unha empresa de servizos de comunicación e marketing que se encargue de redes sociais, identidade corporativa, campañas de publicidade e mesmo vestiario corporativo.
O terceiro premio nesta modalidade outorgouse a ‘Happy Pets’, proxecto de Rosario Rodríguez Torres, Antonio Touriño Feros e Laura Muñiz Klaussen, do pontevedrés CIFP Carlos Oroza. O proxecto consiste na construción en Padrón dun aloxamento para mascotas con servizos de adestramento, alimentación, coidados de beleza, veterinarios e organización de concursos para mascotas.
Na modalidade B (para os ciclos e ensinanzas de grao medio), o primeiro premio concedéuselle a ‘Quality Pastry’, de Jesica Rodríguez Álvarez e Verónica Martínez Quesado, do vigués CIFP Manuel Antonio. A empresa sería unha pastelería creativa e innovadora con produtos naturais e ecolóxicos sen aditivos. Nela daríase prioridade ao uso de materias primas de Galicia e ofreceríanse produtos veganos, vexetarianos, sen lactosa, sen glute, sen azucre, etc.
‘Cenoria e Brócoli’, de María José Armero Tomás e Nadia Pérez Brito, do coruñés CIFP Paseo das Pontes, fíxose co segundo premio nesta modalidade. Trátase dun proxecto de restaurante vexetariano con servizo de catering de produtos frescos e de tempada e para clientes con necesidades alimentarias especiais.
O terceiro premio foi para ‘CeroK Proxectos e Instalacións de frío & electricidade’, un traballo de Luis Piñeiro Oliveira e Alejandro Louzao Cameán, do ribeirense CIFP Coroso. O servizo a prestar baséase no deseño, instalación, montaxe e reparación de equipos de climatización, refrixeración e ventilación; así como o subministro minorista de repostos necesarios deste tipo de instalacións, en vivendas, locais comerciais, oficinas e naves industriais. A idea de empresa inclúe as novas tecnoloxías para o control dos equipos e os seus consumos ao través de aplicacións informáticas.
A dotación económica dos galardóns é de 3.000 euros para os primeiros premios, 2.000 para os segundos e 1.000 para os terceiros. Amáis, os galardoados poderán incorporarse a un dos 19 viveiros da Rede de Viveiros de Empresa en Centros Educativos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, onde recibirán compañamento e asesoramento total para a posta en marcha do negocio. Así mesmo, os proxectos premiados contarán con asesoramento técnico do Igape, para o seu desenvolvemento.
Ao certame, destinado a estudantes de FP, presentáranse un total de 42 proxectos.
Valoracións
Tal e como subliñou na entrega de galardóns o conselleiro de Economía, Francisco Conde, os índices de emprendemento en Galicia son cada vez mellores, e así, segundo o último informe GEM (Global Entrepreneurship Monitor), a porcentaxe de galegos e galegas que teñen intención de emprender vai en aumento, ofrecendo no ano 2015 o mellor resultado da última década.
Para apoiar os emprendedores, Conde precisou que a Xunta ten impulsado en Galicia medidas que favorecen a posta en marcha de novas empresas, entre as que se atopan a elimninación das licenzas municipais, e a creación da rede de aceleradoras, que ten permitido o impulso de máis de 500 proxectos nos últimos catro anos.
Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou que o seu departamento abrirá este ano sete novos viveiros de empresa en centros educativos, de tal forma que se acade o número de 26 destes espazos.