Deseña tamén unha guía para elaborar plans de igualdade e unha ferramenta de autodiagnose

A Xunta lanza un portal web que centraliza a información sobre igualdade laboral

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou o novo paquete de ferramentas tecnolóxicas en materia de igualdade laboral e de oportunidades que se pon ao dispor do tecido empresarial galego na web www.aigualdadelaboral.gal e que suporá, segundo indicou, “un salto cualitativo” na abordaxe empresarial nesta materia.
A Xunta lanza un portal web que centraliza a información sobre igualdade laboral
A conselleira de Emprego e Igualdade presentou a nova web que aglutina a información sobre igualdade laboral.
A conselleira de Emprego e Igualdade presentou a nova web que aglutina a información sobre igualdade laboral./C.PAZ.
A Xunta habilitou un novo portal web centrado na igualdade laboral e de oportunidades en Galicia e lanzou unha guía para a elaboración de plans de igualdade no seo das organizacións, así como unha aplicación electrónica pioneira de autodiagnose en materia de equidade no traballo.

Os recursos presentados están destinados, tal e como relatou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, a “facilitar o aumento da igualdade laboral e de oportunidades no tecido empresarial galego”. O seu deseño foi resultado do acordo acadado co diálogo social o pasado decembro e posible grazas a un orzamento de 90.000 euros.

O portal da igualdade laboral nace co obxectivo de centralizar a información sobre as accións a prol da igualdade laboral e de oportunidades en Galicia. Desta maneira, facilitarase que as persoas traballadoras, empresas, e a sociedade en xeral teñan un coñecemento máis amplo e profundo das novidades normativas, recursos, medidas de conciliación ou exemplos de boas prácticas que se desenvolven neste ámbito.

O segundo dos instrumentos presentados -a guía para o deseño de plans de igualdade- outorgará a información e orientación sobre os aspectos necesarios para levar a cabo o proceso de elaboración, implantación e seguimento do plan no seo das organizacións. “Este proceso non é lineal de principio a fin, senón que tal e como se establece na guía, o obxectivo é acadar una dinámica de mellora continua”, especificou a conselleira que se referiu aos plans de igualdade como “documentos vivos” que se van alimentando co propio desenvolvemento das accións e dos resultados acadados.

O terceiro instrumento, unha ferramenta de autodiagnose en materia de igualdade laboral, é “absolutamente innovadora” segundo apuntou Lorenzana. Ofrece un mecanismo de autoavaliación de balde, accesible, moderno e de calidade, que permitirá ás empresas medir de xeito periódico o seu nivel de desenvolvemento e impacto en relación coa igualdade de xénero e oportunidades laborais. Complementariamente aportará ás empresas recomendacións para mellorar a súa eficiencia na implantación de medidas de igualdade e tamén lles permitirá coñecer a súa situación comparativa respecto doutras organizacións con diferentes niveis de madurez e recursos.

A Xunta lanza un portal web que centraliza a información sobre igualdade laboral